Por Galicia Confidencial | Lousame | 05/10/2016 | Actualizada ás 14:20
Que é a Plataforma contra o Novo Vertedoiro de Residuos Industriais de Lousame?
A plataforma é unha iniciativa veciñal, non está ligada a ningún partido político, que quere dar a coñecer a existencia deste proxecto e os riscos que implica. Queremos que a poboación poida ter opinión e voz propia sobre a construcción deste macrovertedoiro.
En que consiste este proxecto?
Trátase principalmente de un vertedoiro de residuos industriais, en teoría non perigosos. As instalacións ocuparían unha parcela de case 20 hectáreas, e incluirían, ademáis do vertedoiro, almacenaxe de residuos perigosos e balsas para lixiviados.
Que riscos pode supoñer para Lousame?
Os riscos son múltiples. Principalmente, que na parcela na que se construiría o vertedoiro e nos seus arredores existen multitude de fontes. Existe un risco importante de contaminar as augas. Por exemplo, a fonte que abastece a aldea de O Mirón está a poucos metros da parcela. Estas fontes tamén abastecen regos que van dar ao río Vilacoba, do cal se abastece a poboación de Noia.
Cal é a fase actual do proxecto?
O proxecto está en fase de información pública desde o día 15 de Setembro. Isto significa que agora é o momento de que os veciños e outras as partes interesadas presenten as súas alegacións.
Que accións está a levar a cabo a Plataforma?
Para dar a coñecer o proxecto creouse unha páxina de Facebook chamada “Plataforma contra o Novo Vertedoiro de Residuos Industriais de Lousame”, na que vamos colocando información sobre o proxecto e o seu futuro impacto. Tamén se presentou unha moción aos grupos municipais, pedíndolles que manifesten o seu rexeitamento á instalación deste vertedoiro e se declaren contrarios á centralización do almacenamento e xestión de residuos en Lousame. Por outra banda, estamos traballando na elaboración de alegacións, polo que a Plataforma está aberta a escoitar as preocupacións dos veciños para que poidan aparecer reflectidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.