Por Galicia Confidencial | Lousame | 11/10/2016 | Actualizada ás 10:35
O Partido da Terra de Lousame deu un paso para tentar evitar a construción do macrovertedoiro neste concello rexistrando unha moción para que a parcela na que se pretende situar sexa declarada como Espazo Natural de Interese Local. Esta figura está prevista na Lei de Conservación da Natureza e “fulminaría” as posibilidades de continuar co que consideran "unha desfeita e bomba de reloxería para toda a comarca".
Esta parcela, chamada "Fonte Covada" polos manantiais que dela brotan, funciona como un sistema de captación de augas, que se infiltran no terreno dando abasto ás aldeas próximas e alimentando o caudal do río Sóñora-Vilacova-Traba, do que tamén capta as súas augas a Vila de Noia e que nutre o importante banco marisqueira.
Ademais, forma parte dun hábitat de interese comunitario prioritario de Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix, protexido en base á Directiva Comunitaria Hábitats 92/43/CEE e á Lei 42/2007, de 13 de decembro, del Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
Conservación dos valores naturais
De avanzar a proposta, o acordo do pleno recollería tamén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais e de elaborar o correspondente plan de conservación, atendendo igualmente á súa actual clasificación urbanística como "Solo Rústico de Especial Protección Forestal en zonas de recuperación da diversidade biolóxica e productiva".
Así, lembra que os queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix son un hábitat arbustivo desenvolvido sobre solos húmidos de tendencia turbosa e pH ácido en áreas chairas ou escasamente inclinadas.
Con esta medida, o Grupo Municipal do Partido da Terra de Lousame quere asegurar que este importante hábitat non sexa destruído polo vertedeiro de residuos industriais, solicitando ademsis á Consellería de Medio Ambiente que, co obxecto de asegurar a salvagarda dos valores naturais do espazo, declare provisionalmente protexido o Espazo Natural de Interese local da Fonte Cavada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.