Feijóo insiste en que hai “moitos alcaldes” que non se opoñen ao vertedoiro de Lousame

Critica aos socialistas de Noia por opoñerse a el agora, cando antes estaban a favor.Terra de Lousame presenta as súas alegacións e denuncia falta de transparencia ante a Valedora do Pobo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non quixo avanzar se haberá cambios no megavertedorio industrial previsto para Lousame, pero quixo deixar claro que houbo e hai moitos alcaldes de distinto signo político que non se opoñen a el.

Vistas desde o Monte Culou, en Lousame, onde está prevista a construcción dunha marcrovertedoiro
Vistas desde o Monte Culou, en Lousame, onde está prevista a construcción dunha marcrovertedoiro | Fonte: queverengalicia.com

Así, dixo estar sorprendido de que “xurdan este conflitos agora”, cando houbo moitos rexedores “de distinta cor política” que utilizaron esa zona do Barbanza para reciclar e que “nunca plantexaron problemas”.

Ademais, precisou que tanto os do Partido Popular, como “outros”, apostaron por este sistema de reciclaxe e mesmo “solicitaron que se lles axudara a reciclar alí”. “Por iso agora me sorprende que por non gobernar en Noia, ese partido -o PSdeG-- decida agora cambiar de posición”.

Precisamente, tanto Terra de Lousame como distintas asociacións ecoloxistas denuncian que este macrovertedoiro vai contaminar varios manantiais, algúns deles, os que nutren de auga á localidade de Noia.

Alegacións

Precisamente, o Grupo Municipal do Partido da Terra de Lousame presentou este xoves as súas alegacións a este proxecto. Entre as eivas comunicadas polo concelleiro José Rodríguez Cao encóntrase a ocultación por parte da empresa do informe urbanístico emitido en agosto de 2015, o incumprimento de varios trámites obrigatorios no proceso de exposición pública, e a ocultación de información crucial para a formulación das alegacións por parte da Alcaldía.

 

Desde Terra de Lousame celebrouse tamén o "xiro radical" na postura da Alcaldía, que pasou dos eloxios á suposta solidez e rigor do proxecto e dos técnicos da propia empresa de fai menos dun mes, a falar abertamente de impedir que o proxecto de vertedoiro prospere.

 

Por outra banda, destaca que a Valedora do Pobo admitiu unha denuncia formulada por Terra de Lousame contra a Alcaldía, por vulneración do dereito de acceso á información durante o periodo de exposición pública, iniciando a Valedora as actuacións pertinentes ante o Concello. 

 

"O acceso ao proxecto de 2010, tramitado sendo Alcalde Santiago Freire e formando parte Teresa Villaverde da Xunta de Goberno, é crucial para deixar en evidencia as inconsistencias da actual proposta de vertedoiro", afirma o concelleiro José R. Cao, unha vez que boa parte do proxecto anterior foi copiado na súa literalidade, falseando numerosas informacións sobre as características dos solos e da situación da parcela.

 

A reiterada negativa de Teresa Villaverde a facilitar o informe, que debía ter entregado en 5 días, aumentou as sospeitas no Grupo de Terra de Lousame, que informou desta situación tanto á Consellería de Medio Ambiente como á Valedora do Pobo, aos que solicitou que se manteña aberto o prazo de alegacións ata que desde o Concello non entreguen esta documentación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ted Flanders

Ten razón o presidente! hai que ter un macrovertedoiro porque tanto lixo do PP non ten cabida en outro sitio!!!