Os socialistas galegos miden forzas

Os distintos dirixentes manteñen encontros para fixar posicións e estratexias ante o novo panorama que se abre logo da división do partido en Madrid.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/11/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As reunións e as chamadas telefónicas entre os distintos dirixentes do PSdeG non cesan logo do acontecido nos últimos días no Congreso, co voto en contra de 15 deputados á investidura de Rajoy e a decisión de Pedro Sánchez de volver presentarse como candidato a unhas primarias.

Valentín González e Pepe Blanco falan nunha cafetería das Pontes
Valentín González e Pepe Blanco falan nunha cafetería das Pontes

A división do PSOE tamén é patente en Galicia, onde un sector apoia a actual xestora e outro mantén o seu apoio ao ex secretario xeral. Unha división que tamén ten líderes destacados; por unha banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo outro, a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela.

Uns e outros teñen os seus apoios, uns apoios que, polo momento, se manteñen fieis. Así, Pilar Cancela conta co respaldo de boa parte do Grupo Parlamentario e do seu voceiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do presidente da deputación desa provincia, Darío Campos. Tamén o de agrupacións e sectores da Coruña e Pontevedra e de Ourense capital.

Pola súa banda, Abel Caballero conta co apoio da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, do sector ourensán que lidera Pachi Vázquez, tamén de varios rexedores e agrupacións pontevedresas e coruñesas, así como de Pepe Blanco.

Respaldos a Susana Díaz e a Pedro Sánchez

Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE
Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE | Fonte: elconfidencialdigital.com

Cancela felicitou a Sánchez polo seu paso e destacou que iso demostra a súa “grandeza” como líder político. Fontes próximas a ela apuntan que volverá a facer campaña polo ex secretario xeral en Galicia. Tamén militantes e concelleiros xa fixeron público este apoio a través das redes sociais.

Caballero foi moito máis explítico e confirmou este mércores que pedirá a Susana Díaz que opte a ser secretaria xeral do PSOE, aínda que precisou que, antes da celebración do congreso e das primarias, o seu partido debe levar a cabo "un debate" de ideas para redefinir o seu proxecto e ocupar o espazo de centroesquerda que, no seu día, tivo o PSOE "de Felipe González e de José Luis Rodríguez Zapatero".

E, en medio dese debate, está tamén a situación de desgoberno que vive o PSdeG galego cunha xestora provisional que pode ser suspendido por outra xestora, a do PSOE. Por iso, os distintos sectores apuran os contactos para analizar a situación interna e tecer alianzas.

Segundo fontes consultadas, tanto o sector de Caballero como o de Cancela teñen falado nos últimos días con distintos dirixentes para analizar a situación. Falouse no PSOE de Lugo e tamén no de Pontevedra e  dirixentes como Pepe Blanco e Valentín González, presidente da Deputación da Coruña, foron vistos mantendo un encontro nas Pontes esta fin de semana. “Foi unha reunión informal na que se falou da situación interna do partido”, apuntan fontes próximas ao líder coruñés. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta