Por Ramón Torrado | Ribeira | 11/11/2016
Natureza. O azul do mar, das rías e do océano ondea na bandeira galega. Gustan especialmente as ondas da praia con dunas de Laxe e as que bañan os areais contiguos ao faro Vilán en Camariñas. Neses lugares as augas parecen amosar uns matices verdosos como se foran mares do Caribe.
Entrando na vexetación, destaca unha cor estrela que con frecuencia se menospreza: é o amarelo das mimosas, das flores do toxo, dos limóns e desas perigosas flores grandes chamadas trompeta de anxo.
En canto ás árbores, faise moi monótono o verde escuro dos piñeiros e dos eucaliptos. Buscando un exemplo, no traxecto entre os estados de New Jersey e Maryland pódese admirar a sinfonía de cores laranxas, vermellas e amarelas creada pola follaxe que engalana as marxes da autoestrada. Os nenos galegos que non estean mirando unha pantalla máis no coche poden desviar os seus ollos á paisaxe. Na entrada sur a Compostela vese un microcosmos desa ruta norteamericana detrás dos muros da finca de A Rocha, cornucopia de árbores fermosas e diferentes que tamén se dá nas proximidades de Chantada ou na Alameda de Noia.
Materiais e artistas. Chama a atención o romanticismo alemán que fai que denominen a un lapis de cores “Lago de pálidos xeranios” cun certo sabor a haiku. Para quen teña os medios queda reservada a posesión da fría e hipnótica beleza que en cores diamantinas se desprega nas xoierías galegas. Os dourados feridos na madeira policromada das imaxes relixiosas ou no pan de ouro esperan en silencio no interior das numerosas edificacións relixiosas galegas.
Cumpre honrar, en conexión co sangue negro que estremecía na épica de Homero e Virxilio, os vermellos dun eximio escultor: o galego nacido en Sarria no século XVI Gregorio Fernández. A súa maxistral imaxinería referida ao calvario de Cristo posiblemente recibirá algún día o recoñecemento mundial que merece.
Tamén é probable que o gran Castelao non sexa suficientemente valorado como pintor. Hai un aire moi galaico nas cores das súas obras. O azul cobalto da artesanía en cerámica de Sargadelos é outra significativa sinal de identidade. Dous pintores con estilos moi distintos, a luguesa Julia Minguillón e o coruñés Urbano Lugrís, tamén chaman a atención pola riqueza das súas paletas.
Casas. Eses nenos mencionados anteriormente tamén poden coleccionar no recordo as casas máis bonitas que iluminan o camiño. Vense desde hai uns anos edificios e casas pintadas con castaño chocolate ou con azul prusiano que non sempre agradan dada a súa severidade. As fachadas de cores tipo ladrillo, salmón ou fucsia tamén resultan atrevidas. Non se dan actualmente, pero é posible que varias tonalidades claras de verde ou de rosa casaran ben coa paisaxe. As casas de pedra son un valor seguro porque adquiren co tempo varios matices interesantes, como certos luxosos puntos dourados ou prateados que brillan máxicos cando reina o sol.
Puntos de luz. Coma un cativo que nun traxecto nocturno se esforza por ver a lúa chea entre as árbores, hai expectación no camiño ó pasar polos lugares que gardan tesouros cromáticos: a guindeira lila en Nebra, os fungos laranxas que adornan un cruceiro situado fronte ao Priorado da Mercé na Pobra do Caramiñal, o ciprés vermello veneciano xunto ó palco turquesa en Os Ánxeles ou a casa abandonada de fachada augamariña destinxida nunha das entradas a Betanzos. Bótase moito de menos o verde brillante que se vía no pasado en portas, contras e fiestras, e que por sorte aínda se emprega ás veces, como nunhas casas en Cereixo próximas a Vimianzo ou en Portomouro.
Como se pode comprobar, as cores remiten a todo tipo de asociacións. Probablemente, todos temos un gusto innato pola estética. Pódese andar e viaxar tendo en conta as cores máis fermosas proxectadas na paisaxe pola natureza e polos seres vivos. En Galicia, a cor máis triste é tal vez a dos montes queimados, semellante en intensidade a aquel chapapote do barco Prestige que nos afundiu na angustia. De forma semellante ao que sucede coa riso terapia, están en auxe os libros de colorear para adultos, xa que alguén se deu de conta do importantes que son as cores ó longo das nosas vidas.