Por E.P. | A CORUÑA | 14/11/2016 | Actualizada ás 13:57
A Fundación María José Jove, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación para a Investigación, Desenvolmento e Innovación Ramón Domínguez impulsan en Galicia un estudo farmacoxenético sobre as respostas das persoas con Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) aos tratamentos con psicofármacos. Tamén se estudará un grupo de persoas con Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC).
Segundo informa a Fundación María José Jove, "trátase dunha investigación pioneira levada a cabo por investigadores das fundacións Pública Galega de Medicina Xenómica e Ramón Domínguez, baixo a dirección do doutor Ángel Carracedo". A iniciativa conta co respaldo económico da Fundación María José Jove que achega 100.000 euros. A duración do estudo será de dous anos.
Ao respecto, a entidade coruñesa remarca que a farmacoxenética é unha disciplina que permite escoller o tratamento máis axeitado "en canto a fármaco e dose, para cada persoa". "É a base do que se coñece como medicina personalizada que se aplica xa en medicamentos, por exemplo, contra o cancro, pero que non obstante en áreas como a psiquiatría infantil, a penas se avanzou", recorda.
Mentres, precisa que a elección dun fármaco específico para unha persoa con TDAH se leva a cabo "ben ata que se obtén unha resposta axeitada ben ata que se produce efectos secundarios que imposibilitan manter o tratamento".
Por todo iso, avanza que o estudo busca "identificar eses marcadores xenéticos que permitirían predicir a resposta a unha medicación, dotando o paciente dun tratamento personalizado e reducindo o desgaste psicolóxico e físico que adoitan padecer estas persoas ao estar sometidos a tratamentos pouco beneficiosos", engade.
ESTUDO DE MENORES CON TDAH
Para iso, estudarase unha poboación mínima de 200 menores diagnosticados con TDAH con dúas metodoloxías: recollida de información retrospectiva de pacientes que xa iniciaron anteriormente un tratamento con fármacos e seguimento exhaustivo de menores que inicien agora un tratamento.
Este seguimento combinarase coas análises xenéticas que permitirán deducir o perfil famacoxenético de cada paciente. "E, polo tanto, precisar con maior exactitude quen se beneficiarán mellor dun fármaco concreto ou outro, as doses necesarias, así como predicir qué pacientes sufrirán efectos secundarios e quen non", explica.
Con todo iso, as tres fundacións que promoven este estudo buscan "obter un tratamento individualizado de todos aqueles menores diagnosticados de TDAH onde o éxito da terapia estea garantido e trasladar os resultados da investigación xenética á práctica clínica diaria", apostila a Fundación María José Jove.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.