Por Ramón Torrado | Noia | 12/12/2016
De entre os exemplos de dilixencia que fun vendo ó longo dos anos, gustaríame ter un recordo espontáneo de agradecemento para os que veñen á memoria neste inverno de 2016: a señora da caseta de froitas que nun tempo había na esquina do instituto compostelán Rosalía de Castro, o home que compuxo unha lista de consellos para guiar o futuro dos clientes na librería González da rúa do Vilar, a dona dun bar de Ordes que fai deliciosos bocadillos, o operario que canta nunha estación de servizo da cidade de Pontevedra, a encantadora camareira de Muros, o enfermeiro sensible de Porto do Son, aquela profesora universitaria entrañable, o elegante responsable dunha cafetería de Ribeira, a experta de Rianxo en roupa para os máis pequenos, o libreiro inmune ao desánimo da Pobra do Caramiñal ... cadaquén pode confeccionar unha lista propia.
Todas elas e todos eles comparten detalles de distinción como a xenerosidade, a franqueza e o brillo na mirada. Todo o contrario da habitual distancia que se observa nos grandes centros comerciais que se ven ateigados de coches e de compradores mentres que os establecementos pequenos esmorecen ou mesmo desaparecen. Moitas librerías pecharon; por exemplo, en Santiago bótanse de menos Galí, Encontros, Universitas, Aerno, Abraxas e a propia González. En cambio, nun enorme centro comercial da capital de Galicia encóntrase o comprador de libros co estraño fenómeno de ver tapados polo prezo adhesivo nas contraportadas os rostros de moitos autores galegos dentro da exigua sección dedicada á literatura da nosa terra.
Como daba a entender o uruguaio José Mujica nunha entrevista ó manifestarse en contra dos poderes económicos que queren mandar no mundo, ninguén quere afectar aos postos de traballo creados por empresas que xa son millonarias. Os grandes almacéns ofrecen comodidade, variedade, e facilidades de pago, pero como alertaba José Saramago na súa novela “A caverna” ou Clint Eastwood na película “Sully”, non se pode deixar de lado o factor humano.
Semella procedente un apoio ao comercio local predilecto, aínda que implique unha comunicación máis próxima e extensa – tamén é máis enriquecedora! Os sentimentos contan; o egoísmo é menor; o beneficio redunda en nós mesmos. É indicado poñer amor, honor e dedicación no que se fai. Como galegos, podemos recordar que o noso himno fala dos bos e xenerosos, un ideal de comprensión e empatía que serve de modelo tanto agora como cando escribía esas palabras o bardo Eduardo Pondal.