Os nenos hospitalizados no CHUS achéganse á informática e a robótica

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou un obradoiro para os cativos ingresados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/01/2017 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) levou esta mañá ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela un obradoiro para achegarlles a programación informática e a robótica a un grupo de rapaces de entre 5 e 16 anos de idade que están ingresados. A experiencia, cuxo resultado foi moi positivo para a organización, segundo apuntan dende o CPEIG, actuou como piloto dun programa máis ambicioso que se pretende chegue a máis centros hospitalarios.

Obradoiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela
Obradoiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela | Fonte: CPEIG.

No caso de hoxe, Javier Pereira, colexiado do CPEIG, encargouse de levar a cabo, de xeito voluntario, o obradoiro na aula informática do CHUS. Pereira realizou, en primeiro lugar, unha breve introdución aos conceptos de robótica e programación informática, acompañada de diferentes vídeos ilustrativos. Nunha segunda parte, as nenas e nenos probaron diferentes actividades e xogos elaborados coa ferramenta de programación Scratch, en combinación co Makey Makey e outros dispositivos tecnolóxicos como a webcam do ordenador ou un rato de control cefálico. 

Hoxe mesmo, o CPEIG cedeulle 3 kits Makey Makey ao hospital para uso das nenas e nenos ingresados.

O emprego destas ferramentas permite aprenderlles aos rapaces, de xeito fácil e dinámico, como programar o ordenador e crear os seus propios videoxogos, historias interactivas ou animacións. Durante esta mañá, o obradoiro programado polo CPEIG contribuíu a estimular a creatividade e outras capacidades cognitivas, como son a resolución de problemas, a abstracción, o pensamento lóxico ou o razoamento.

USO RESPONSABLE DA TECNOLOXÍA

As actividades programadas polo CPEIG permiten mellorar as habilidades de comprensión, a representación e a secuenciación da información, e o pensamento sistémico.

Está demostrado que a programación e a robótica axudan a nenas e nenos a mellorar o seu rendemento académico, reforzando a aprendizaxe de múltiples contidos e conceptos académicos. Ofrecen tamén a posibilidade de desempeñar un papel máis activo e responsable no uso da tecnoloxía, nas súas actividades de xogo ou de ocio, ou mesmo no seu propio proceso de recuperación no caso dos doentes. Ao mesmo tempo, ao empregarse videoxogos colaborativos, promóvese a interacción entre os rapaces, brindándolles un espazo de desconexión e diversión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En Vigo tamén teñen Pista de Neve... mentras aforran en medicamentos... http://www.noticiasvigo.es/sos-meix...