Digo que non desboto a posibilidade de que sexa eu o equivocado, porque como galego do rural síntome especialmente autorizado para pórme no seu lugar e tratar de ver o mundo polos seus ollos e sentilo como só no rural pode ser sentido; alí, onde nunca hai confusión entre as esencias e o accesorio; alí, nese mundo da palabra epicena, claramente definido, onde as dúbidas, todas, veñen da fóra. Eu tamén pensei que o voto do rural fora simpleza. Mais as cousas rara vez son tan simples como semellan, e aínda cando sinto e subscribo, se ápice de dúbida, que foi un grave error darlle o voto a Donald Trump, penso que simpleza non foi. Cada día está máis claro que as elites máis ou menos ilustradas non son precisamente depositarios de toda sabenza nin fontes de toda razón. Hai cousas, e nin tan poucas, que as entendían moito mellor os nosos finados daquel mundo de leiras, brañas e corredoiras do que endexamais as entenderei eu. Sen ir máis lonxe, a min xa se me está esquecendo o valor dunha boa braña, porque, claro, o meu referente do leite xa non é a vaca. E, mesmo, se cada vez que miramos o único que vemos son abeneiros, canto tempo antes de que o mundo vindeiro nin tan sequera saiba que debaixo daquelas raiceiras dormen brañas que durante feixes de séculos proveron de ovos, carne e leite a tantas xeracións como contar se poidan desde o mesmo fondo dos tempos. Cando un reflexiona e se para a facer unha análise, non é tan difícil de entender o rexeitamento do rural ao cosmopolita establishment, ás súas soberbias e medias verdades. Rexeitamento que soubo aproveitar o Donald Trump. Sublíñense dous motivos que están á vista de todos:
1) Nos EEUU, a pesar do desemprego tocar niveis históricos á baixa, a pesar de quedar constatado que a recuperación económica foi e é real, no rural segue a descolonización e despoboación, segue a ameaza de ser culturalmente transformado nunha caricatura de si mesmo. Ou sexa, segue asoballado por un elitismo urbano cada vez máis hexemónico e condescendente, arroupado polos repugnantes hábitos do “buenismo” e a disimulada soberbia do “sabelotodo”. O rural ve como a meirande parte dos traballos xorden arredor das cidades, favorecendo sobre todo ás elites empresariais, ás minorías étnicas, aos emigrantes, e tamén aos que se foron afastando do mesmo rural; mais estes agora xa só ven abeneiros. Os americanos vencellados ao rural, predominantemente auto definidos como herdeiros dos pioneiros, que se sente gardas dos valores tradicionais do país só ven como o mundo deles recua. Dexergan nos seus horizontes o estremecedor emerxer dun mundo alleo ao que eles entenden e valoran, ao que eles herdaron e polo que entregaron suor e sangue. Sen entrar en valoracións do que son ou non son valores tradicionais intrinsecamente americanos, que para o caso nada importa, neste rexeitamento hai algúns puntos de razón indiscutibles, como por exemplo o valor que eles lle dan á liberdade individual, absolutamente irrenunciable, máxima expresión da democracia. Por ende, a profunda desconfianza que senten por aquilo que necesita da poda das liberdades individuais para sustentarse. O arraigo ás organizacións sociais tradicionais, como por exemplo o matrimonio tradicional. Tamén o grandísimo respecto á propiedade privada, que a senten, valoran e defende como algo absolutamente sagrado no que non cabe nin a máis remota posibilidade de tolerar a mínima transgresión. E tanto dá que eses valores estean ou non ameazados, a percepción é de que si, que o están. Velaí, na forza desa percepción, en como eles perciben o mundo, onde hai que pór en valoración a maneira en como depositaron o voto.
2) A percepción de imposición dun multiculturalismo pernicioso, sobre todo nas cidades e nas universidades. Universidades ás que tamén atenden os seus fillos. Ou sexa, non é algo distante ou alleo. Logo, restándolle valor ao “propiamente” americano. E tamén o relativismo moral. O xurdir dunha cultura, sen dúbida, desvencellada dos valores máis tradicionais da sociedade rural americana. E algunha razón levan, é indiscutible que hai unha presenza dun elitismo chulesco, “pontificador”, que se cre “sabelotodo” e que se sente autorizado a impoñerlles aquilo que eles perciben como correcto e acertado, que pode selo. Mais correcto ou non, non representa o mundo do rural. Por exemplo, no rural estadounidense só hai dos xéneros: masculino, feminino. Hai homes e hai muller. Hai cidadáns, e nada máis; e non é pouco. Os conceptos urbanos de LGBTs, transexual, ou calquera outra sub-clasificación humana, non só son completamente alleos ao mundo do rural, son percibidos como auténticas incomprensibles monstruosidades. Pois claro que o error non está en recoñecer os dereitos deses ou calquera outros grupos, o error está en negarlle ao rural o dereito a ser diferente e a camiñar ao paso e na dirección que considere máis conveniente, sen ser aguilloado.
Donald Trump non foi un accidente. Aínda que hai que recoñecer a natureza anómala de todo este lio; velaí persoas que profesan unha profunda afinidade polos valores máis tradicionais, un gran respecto e admiración polo altruísmo e un compromiso indelegable coa caridade e co sacrificio, votan por un señor que encarna o máis absoluto desprezo a esas cualidades. Logo, buscar na condición humana de Donald Trump a explicación ao porqué dese apoio electoral do rural angloamericano é un error, unha perdida de tempo. Donald Trump simplemente se atopou no momento adecuado no lugar adecuado e sóubose ser receptor dunha coalición imposible: os que xa van cansos do politicamente correcto, sobre todo cando o politicamente correcto inclúe brutalizar, vandalizar e banalizar as tradicións de máis arraigo, cerna e zume da sociedade; os que entenden o rural como adega e reserva natural dos valores culturais tradicionais, e ao tempo perciben que son desprezados e maltratados; os cansos da política de sempre, a das aparencias sobrias, serias, razoables entregados a facer o mesmo cós anteriores pero vendendo a esperanza de acadar resultados diferentes. Cansos tamén dunha globalización secuestrada polas elites empresariais e pola avaricia desaforada do capitalismo posmoderno, propulsor da posverdade, auténticos desalmados depredadores. Para entender o cansazo do rural americano, preguntémonos desde o noso propio ámbito: porqué e desde cando é máis aceptable dicir “me cagho en dios” ca dicir “alabado sea dios”, porqué e desde cando destetarse nunha capela é protesta honrosa e loable mentres que rezar nela é de desprezables cabestros retrógrados. Velaí, na desfeita cultural desa nova dictadura, o fácil que é deixarse arrastrar pola frustración e incorrer en erros tan graves coma pór o raposo ao coidado das galiñas.
Pero, claro, coma case todo evento de relevancia, non podía este estar sen a súa propia ironía: Donald Trump probablemente encarne todo canto a ese rural americano tanto asco e repugnancia lle esperta. Agora a pregunta é: ten o Donald Trump suficientemente ben pulidas as artes da hipocrisía como para darlle ao rural un álter ego satisfactorio? Eu penso que non, que a desilusión xa está en camiño. Pero o problema, o cansazo, é real, e non só nos Estados Unidos. Afortunadamente para os estadounidenses, as institucións en EEUU teñen unha fortaleza formidable e, non caiba dúbida, han sobrevir este disparate sen consecuencias apreciables. O problema é o exemplo, e xa hai algúns que andan gritando “se Donald Trump puido, nós tamén podemos”.