As cinco adxudicacións da Deputación de Louzán á familia do seu vicepresidente

A Deputación de Pontevedra adxudicou sen publicidade cinco contratos á empresa do irmán do vicepresidente da Federación Galega de Fútbol. Adxudicounos pedindo prezo a unha empresa que comparte directivos coa adxudicataria, Limpiezas Cíes, é a Eiriña, epicentro da Operación Patos.

Por Manuel Vilas | Pontevedra | 01/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Rafael Louzán segue a cobrar do erario público, como asesor do PP na Deputación de Pontevedra. Con todo, a principal ocupación do outrora todopoderoso ex-presidente provincial é ser presidente da Federación Galega de Fútbol

Feijóo canda Louzán na primeira fila do mitin do PP en Pontevedra na campaña do ano pasado
Feijóo canda Louzán na primeira fila do mitin do PP en Pontevedra na campaña do ano pasado

Aló ten como escudeiro a Gustavo Falque Comesaña, presidente do Coruxo Club de Fútbol (2º B) e vicepresidente primeiro da Federación.

Durante os mandatos de Louzán, a Deputación de Pontevedra adxudicou, polo menos, cinco contratos mediante o procedemento negociado sen publicidade a Limpiezas Cíes. Nesta empresa o irmán do vicepresidente da Federación, Manuel Falque Comesaña, figura como administradorde Limpiezas Cíes.

A Deputación adxudicou estes cinco contratos pedindo prezo unicamente a tres empresas. En todos os casos, para tramitar as adxudicacións, ademais de a Limpiezas Cíes, pediu tamén prezo a Multiserga SL. 

Multiserga SL está relacionada con Limpiezas Cíes a través de Maria Severina González Fernández, que foi administradora das dúas sociedades. Ademais,  o actual administrador de Multiserga, é Roberto Falque González, persoa que comparte o primeiro apelido co directivo de Limpiezas Cíes e o segundo coa ex-directiva de Multiserga.

Falque e Louzán nun evento da Federación Galega de Fútbol
Falque e Louzán nun evento da Federación Galega de Fútbol | Fonte: futgal.es

En tres das catro adxudicacións, a terceira empresa á que a Deputación pediulle unha oferta é a mesma: Almi Limpiezas. 

Na cuarta adxudicación, a terceira empresa á que a Deputación pediulle prezo é Eiriña SL. Eiriña é o epicentro da Operación Patos, operación contra a corrupción pola que Louzán está imputado canda unha ducia de políticos por, precisamente, irregularidades en adxudicacións públicas. No caso do ex-presidente, ademais, a Xustiza cre que recibiu regalos de Eiriña a cambio dos favors. 

Cinco contratos sen concurso e invitando a presentar ofertas ás mesmas empresas

  • A primeira adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes é novembro de 2008. A Deputación pide prezo a Limpiezas Cíes, Almi e Multiserga, S.L. Sorprendentemente, Almi declina a invitación para presentar unha oferta. Multiserga retírase alegando que non pode asistir ao procedemento. Gaña Limiezas Amil por 47.400 euros.
  • A segunda adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes a Limpiezas Cíes foi en febreiro de 2009. A Presidencia da Deputación adxudicoulle a limpeza da sede de Vigo durante dous anos por 53.206 euros. Son só 580 euros menos que o importe máximo de licitación. Multiserga e Almi Limpiezas fixeron ofertas aínda maiores.
  • A terceira adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes foi en febreiro de 2010. A Presidencia pediu prezo a Limpiezas Cíes, Viguesa de Limpiezas Amil e Multiserga. Viguesa de  Amil e Multiserga foron excluídas por presentar mal a documentación. Gaña Limpiezas Cíes cunha oferta de 35.919 euros, 1.600 menos que o tope máximo.
  • A cuarta adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes foi en abril de 2011. A Presidencia da Deputación adxudicoulle a Limpiezas Cíes a limpeza e mantemento da sede de Vigo. Outra vez pediu tamén prezo a Multiserga e Almi Limpiezas, neste caso identificada como Viguesa de Limpiezas Almi. Gañou Limpiezas Cíes cunha oferta de 49.613, só 803 euros menos que o importe máximo posíbel.
  • A quinta adxudicación negociada sen publicidade  a Limpiezas Cíes foi en decembro de 2011. A presidencia da Deputación adxudicou a Limpiezas Cíes a limpieza da sede de Turismo Rías Baixas para 2012 por 50.000 euros. Pediulle prezo a Limpiezas Cíes, Multiserga e Eiriña. Gañou Limpiezas Cíes por unha estrepitosa goleada, logrou 90 puntos fronte a 59 de Multiserga e só 20 de Eiriña.

Adxudicacións legais pero que suscitan dúbidas

A vía negociada sen publicidade é un procedemento da Lei de Contratos polo que a Administración pode adxudicar contratos menores sen publicar as bases e abrir un concurso aberto. Chégalle con pedir prezo a determinadas empresas cualificadas, en principio un mínimo de tres. 

Os citados expedientes cumpren pois, a primeira vista, os requirimentos de legalidade. Con todo, os seus detalles deixan varias cuestións abertas.

Por exemplo, porque a Deputación, de entre todas as empresas de limpeza da provincia, sempre lle pide prezo Limpiezas Cíes e Multiserga, tendo en conta que, como é público no Rexistro Mercantil, son dúas empresas que están relacionadas pola súa directiva.  

Ou tamén porque nunha ocasión lle pediu prezo a Eiriña, cando o seu obxecto social son as obras, e non a limpeza. 

Rafael Louzán, saíndo de declarar dos xulgados
Rafael Louzán, saíndo de declarar dos xulgados | Fonte: Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pp corruptiom

investiguen a concesion dun local hosteleiro no porto de canido en vigo e igual levan unha sorpresa o saber que dita concesion e familia de gustavo falque. dito local encontrase en zoa pertencete a portos de galicia.