A galega Eva Cabanelas, semifinalista do certame de divulgación científica Famelab

É a única representante por Galicia no xa famoso concurso de monólogos científicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/02/2017 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

A veterinaria Eva Cabanelas Dopazo, formada no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é a única investigadora do Sistema Universitario Galego que figura entre os 16 candidatos clasificados para as semifinais da quinta edición do certame de divulgación científica Famelab España, unha iniciativa promovida pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) e o Bristish Council e que conta con patrocinio da Obra Social La Caixa.

Eva Cabanelas Dopazo
Eva Cabanelas Dopazo | Fonte: USC.

Esta científica ourensá, que está a piques de presentar a súa tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria de Lugo, unha investigación dirixida polo catedrático do Departamento de Parasitoloxía da USC Pablo Díez Baños no que afonda e achega luz  sobre as particularidades e incidencia dun parasito como é a hypoderma, tomou parte na quinta edición do Famelab España para divulgar “de xeito divertido” o alcance e os resultados dalgunhas das investigacións realizadas no marco do seu traballo de doutoramento.

A súa particular achega á divulgación científica é “un monólogo sobre os barros do gando, de apenas tres minutos de duración, que gravei na miña casa”, explicou.

Os membros do xurado encargado de resolver a quinta edición do Famelab incluíron a proposta presentada por Eva Cabanelas entre as 16 seleccionadas para a fase de semifinais dun total de 79 candidaturas.

Os semifinalistas, divididos en dous grupos de oito participantes cada un, buscarán un oco na final no transcurso de dúas galas que se desenvolverán os días 24 de marzo, en Bilbao, e 7 de abril, en Barcelona, na que participará na divulgadora galega. As dúas cerimonias estarán guiadas pola actriz e humorista Silvia Abril e as oito propostas máis valoradas competirán na fase final española, que se celebrará en Madrid e de onde sairá o gañador que representará a España na final internacional do Cheltenham Science Festival, que se desenvolverá en xuño no Reino Unido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta