Investigadores do Clínico de Santiago avanzan na vacinación fronte a enfermidade por rotavirus

Federico Martinón, xefe do servizo de pediatría, presenta os últimos datos das investigacións desenvolvidas no IDIS.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2017 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

O xefe do servizo de pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago e responsable do grupo de investigación Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría Genvip do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Federico Martinón, presentou os últimos avances na vacinación fronte a enfermidade por rotavirus.

Hospital Clínico
Hospital Clínico | Fonte: EP.

Os principais investigadores do mundo no campo da vacinación fronte o rotavirus reunidos no V European Expert Rotavirus Vaccine Meeting asistiron á conferencia inaugural de Federico Martinón Torres, quen defendeu o concepto de 'Rotavolution' ou como o rotavirus "ten un alcance máis aló da infección gastrointestinal", segundo informa o IDIS.

En Utrech presentáronse os últimos resultados dos traballos de investigación que por parte do Hospital Clínico Universitario de Santiago levan a cabo en relación á vacinación fronte o rotavirus.

Así, o doutor José Gómez Rial, inmunólogo do centro hospitalario e membro do grupo, presentou as conclusións do estudo dos mecanismos celulares que confiren protección mediante a vacinación con rotavirus, así como a identificación dunha "pegada" de sinais inmunolóxicas no paciente infectado que se correlaciona coa gravidade da enfermidade.

XENÉTICA

En liña con estes achados atópase tamén o estudo recentemente publicado polo grupo de investigación onde o xenetista e profesor da USC Antonio Salgas Ellacuriaga, identifica unha serie de xenes claves relacionados coa infección por rotavirus.

Segundo indica Salas, analizaron "a expresión xenética de máis de 20.000 xenes en pacientes infectados por rotarivus, e os datos arroxan resultados esperanzadores en relación á pegada transcriptómica que xorde tras a infección".

Así por exemplo, segundo explicou, "detéctase unha forte hiper-activación de determinados xenes así como a inhibición doutros, suxerindo novos mecanismos moleculares que o hóspede emprega para protexerse dunha infección por rotavirus".

"Hai xa tempo que baixo o concepto Rotavolution estamos a traballar co obxectivo de pór en valor que a infección intestinal do rotavirus é só a punta do iceberg, xa que este virus pode ser responsable doutras manifestacións sistémicas, non só de tipo gastrointestinal", explicou o doutor Martinón.

As infeccións por rotavirus son a causa máis frecuente de gastroenterite en lactantes e nenos pequenos ao tratarse dun virus moi contaxioso e resistente. O simple contacto con outros nenos e/ou coidadores contaxiados por esta enfermidade, ou con obxectos que estiveron en contacto con persoas infectadas, aumenta o risco.

APOIO Á VACINACIÓN

"O noso grupo xa demostrou que a vacinación fronte a rotavirus pode diminuír moi significativamente a taxa de ingresos por convulsións", afirmou Federico Martinón. "Agora outros países como Australia atoparon resultados similares aos nosos, o que é moi alentador", engadiu.

"Estimamos que un neno vacinado fronte o rotavirus ten un 20% menos de risco de padecer calquera tipo de convulsión", indicou, para matizar tamén que "o rotavirus pode ser a infección que pon en marcha a enfermidade celíaca en nenos xeneticamente susceptibles e que, sería importante comprobar o efecto da vacina sobre esta patoloxía tan prevalente".

En España, o rotavirus é responsable de máis de 240.000 infeccións e máis de 7.500 hospitalizacións. Esta vacina forma parte do calendario de vacinas da maioría dos países europeos.

"Os nosos datos mostran que os beneficios reais da vacinación fronte o rotavirus son maiores aínda que os teóricos", subliñou Martinón. "As autoridades demostraron unha especial sensibilidade coas vacinas en xeral, polo que confiamos que teñan en consideración os datos que estamos a achegar desde España e que están a ser utilizados polas autoridades sanitarias doutros países na toma de decisións", sentenciou.

Os investigadores do IDIS analizan novos datos de expresión de xenes que, segundo explican, "pretenden arroxar luz sobre que xenes se acenden e cales se apagan cando se administran vacinas contra o rotavirus, así como as diferenzas existentes entre o patrón de expresión provocado pola vacúas fronte ao patrón xerado por unha infección natural por rotavirus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sempre compos

Señor martiron quén paga Ós estudos qué vostede fai. Á industria farmacéutica enton xa sabemos os resultados. Canta xente morre cas pastillas que recetades con moita facilidade. Mercenarios