Segue o diñeiro

Nun apartamento de Washington unha persoa oculta nas sombras e no fume do seu cigarro aconséllalle a Robert Redford “Segue o diñeiro, segue o diñeiro…”.

Por Emilio Martinez | Lugo | 15/08/2017

Comparte esta noticia

E unha das esceas da película “Todos os homes do presidente”, dirixida en 1976 por Alan J. Puluka, director de películas como “O informe Pelícano” ou “A sombra do diaño”, xa na década dos noventa. A película de 1976 cóntanos a historia da investigación dos xornalistas de The Washington Post, Bod Woodward, interpretado por Robert Reford, e Carl Bernstein, ao que da corpo Dustin Hoffman, que deu lugar ao “Caso Watergate”. A investigación dos xornalistas puso ao descuberto as operacións do goberno dos Estados Unidos, do Partido Republicano, para presionar a líderes políticos e activistas sociais. A raíz do descuberto Richard Nixon veuse obrigado a renunciar á presidencia en agosto de 1974.

“Sigue o diñeiro”. Ese é o mesmo consello que calquera que hoxe quera analizar a embestida, cruel, ensañada, que o Partido Popular ven protagonizando contra o sector público debe seguir para chegar ás raíces nas que se sostén e ao obxectivo último da mesma.

“Sigue o diñeiro”, a pregunta que debemos facernos é a mesma, quen se beneficia da redución de persoal na sanidade pública?, quen se beneficia da redución de persoal no sector educativo?, quen se beneficia da precarización do sistema de pensións público?, quen?. Hai razóns sociais que cotizan en Bolsa, hai nomes e apelidos, hai sobre todo contas de resultados, contas en paraísos fiscais e mil e unha artimañas legais, alegais ou ilegais e hai quen se beneficia de portas xiratorias, portas que sempre perxudican ao sector público, beneficiados de forma directa, ou de forma indirecta; todos teñen amigos, irmáns, esposo, esposa… O colectivo Sansón Carrasco, cuxos membros están lonxe de poder ser cualificados de revolucionarios esquerdistas, ofrece non poucos exemplos no seu último libro “Contra el capitalismo clientelar” (Ediciones Península, 2017).

Ademais dos sectores sobre os que a cidadanía é mais sensible (os relacionados coa educación e a saúde), ningún sector nos que participan as administración públicas se ten librado da embestida privatizadora, sexan as bibliotecas en Coruña, ou sexa a xestión de subvencións, ou avaliación de solicitudes.

Tampouco a seguridade, un dos ámbitos que se pon como exemplo do monopolio do Estado Moderno  se ten librado.

Dende a chegada ao goberno do Partido Popular o número de efectivos da Policía Nacional e da Guardia Civil reduciuse en 12.400 axentes, un 9,9% da plantilla do primeiro colectivo e un 6,4% da plantilla do segundo. Case nada. A redución é semellante outros corpos, en 2015 Comisións Obreiras denunciaba que o número de efectivos da policía local da capital de España reducírase, entre 2011 e 2015, en 700 axentes, ao non convocarse prazas, un 10%, afectando sobre todo aos servizos nos barrios da periferia.

A diminución de efectivos nas forzas de seguridade públicas vai unido ao incremento de efectivos nas compañías de seguridade privada. En 2015, segundo datos do propio sector, facilitados pola asociación maioritaria APROSER (na que están asociadas as compañías mais grandes, como Eulen, PROSEGUR, Securitas ou Ilunión)  o número de empregados acadou a cifra de 78.200, superando ao número de efectivos en activo da Guardia Civil, o corpo público mais numeroso. O sector moveu en 2015 un volume de negocio de perto de 3.500 millóns de euros, dos cales mais de dúas terceiras partes están relacionados con servizos de vixilancia. Segundo as mesmas fontes apenas un 17% da súa facturación procede do sector público, o que chama a atención coa percepción que calquera cidadán pode ter, xa que cando entra nun xulgado, enbcase calquera entidade oficial, cando viaxa en metro… o mais seguro é que o que se atope, facendo as labores de control e vixilancia, é unha persoa co uniforme dunha compañía privada de seguridade.

O conflito que estes días se vive o aeroporto barcelonés de El Prat por en evidencia a necesidade de cuestionar o modelo de privatización da seguridade, sobre todo cando falamos de infraestruturas sensibles, como son os mesmos aeroportos, ou calquera infraestrutura relacionada co transporte. O conflito dos traballadores de Eulen non debe ser respondido, polas forzas que queren un cambio social, cunha mera presión por mellorar a situación laboral dos traballadores e traballadoras da empresa. A proposta pasa, de forma nidia, por propoñer outro modelo para a xestión, a garantía, da seguridade nas infraestruturas clave, un modelo que cuestione as políticas privatizadoras desenvoltas polo Partido Popular, que teñen como obxectivo engrosar as contas de resultados de empresas amigas, sobre a base do ataque ao público e a explotación dos traballadores das empresas privadas.

A proposta pode abordarse de dous xeitos, ou a recuperación das competencias pola Guardia Civil, hoxe inasumibles por un logo período de tempo pola falta de efectivos tal e como se comentou ao principio desta columna, ou a creación dun corpo especifico en materia de seguridade e control no sistema de transporte (non só aeroportos). Esta  segunda opción ten perfecta cabida na estrutura dos distintos corpos de seguridade existente en España, con ámbitos de actuación delimitados. Recordemos que ademais da Policía Nacional ou da Guardia Civil existen outros corpos policiais ou que realizan función de vixilancia perfectamente integrados funcionalmente: o Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependente da Axencia Estatal de Administración Tributaria, e que ademais das súas función orixinais, loita contra o contrabando, fraude ou branqueo de capitais, tense destacado pola súa utilización xudicial na loita contra a corrupción; as policías portuarias, dependentes das autoridades portuarias, os funcionarios de prisións ou mesmo os gardas forestais. Todos eles teñen cometidos específicos en ámbitos determinados regulamentariamente.

Estou convencido que a creación dun corpo, público, específico, que garanta a seguridade na rede de transportes é unha proposta que merecería ser estudada. Sen dúbida o servizo melloraría: cun persoal correctamente seleccionado, adecuadamente remunerado e formado. Non todo pode ser privatizado, e coa seguridade da cidadanía nin se debería xogar nin se debería facer negocio, nin converterse en moeda de cambio para favores futuros, como se explican todas e cada unha das decisións que o Partido Popular toma.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.