Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2017 | Actualizada ás 20:04
Decenas de persoas participaron este sábado nos diferentes actos programados en distintos puntos da xeografía galega para honrar a memoria do sindicalista Moncho Reboiras, de cuxo asasinato a mans da policía franquista cúmprense 42 anos este 12 de agosto. Uns actos que, tal e como aconteceu no Día da Patria, celebráronse marcados pola división que existe no nacionalismo e independentismo galego, a diferencia do que acontece en Cataluña.
Diferentes organizacións renderon tributo por separado á figura de Reboiras con distintos actos celebrados ao longo deste sábado nos municipios coruñeses de Fene, Ferrol e Dodro, localidade natal do independentista.
Así, a Unión do Povo Galego (UPG), partido do que era militante Reboiras no momento da súa morte, realizou unha ofrenda floral no cemiterio de Imo --Dodro--, onde descansan os restos mortais dun dos impulsores do Sindicato Obreiro Galego, precusor da CIG.
Tras isto, a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva (SCRD) O Pote de Maniños organizou en Fene unha comida popular, á que seguiu, a partir das 16,00 horas, unha "sobremesa debate" baixo o título 'A mudanza real que a Galiza precisa' --O cambio real que Galicia necesita--. A UPG clausurou a xornada de homenaxe a Reboiras en Ferrol, onde tivo lugar unha concentración na Praza de Armas. Desde alí, os asistentes partiron cara ao lugar onde foi asasinado, un portal da Rúa da Terra, onde foi abatido por membros da Brigada Político-Social, a policía política do réxime franquista.
MGS
Pola súa banda, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) --a única formación organizada que queda no BNG xunto coa UPG, da que a súa vez é unha escisión-- comezou a súa homenaxe ás 13 horas no cemiterio de Imo coa presenza de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 40 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil; Élia Lago, da Mesa Nacional do MGS e de Isca! e Ramiro Oubiña, histórico militante sindical no seo da CIG.
"Fíxoo, máis unha vez, misturando o necesario exercicio da reivindicación cunha dose de celebración da memoria e confraternización entre os máis dun cento de asistentes, moitos deles veciños e veciñas de Moncho Reboiras e da súa familia e tamén xente procedente doutras comarcas do país que quixeron participar nunha xornada que medra ano a ano", apuntou esta organización nun comunicado.
Ademais, lembrou que este ano, como os anteriores, a homenaxe a Moncho Reboiras en Imo foi precedida dunha "intensa campaña de axitación con centro na figura de Reboiras" e que, baixo o lema “Moncho Reboiras Vive!”, realizouse na maior parte do país e, en particular, as comarcas do Barbanza e Compostela.
Agora Galiza
Tamén a formación independentista Agora Galiza, algúns de cuxos integrantes militaron antes na UPG e no MGS, realizaron outra homenaxe paralela que tivo lugar no cemiterio de Imo, pero ás 11.30 horas. Ao igual que o MGS encheron Galicia de pancartas lembrando a figura de Moncho Reboiras. "As rúas da Galiza homenageam e reivindican o Moncho rebelde, o Moncho insurgente, o Moncho combatente, o Moncho de firmes princípios ideológicos", apuntaba un dos impulsores desta organización, Carlos Morais.
Causa Galiza
Finalmente, Causa Galiza, outra das organizacións independentistas galegas tamén realizou un acto de homenaxe no cemiterio de Imo, que, a diferencia dos anteriores, tivo lugar pola tarde, ás 17.00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.