Por Emilio Martinez | | 14/09/2017
Dos inicios da miña militancia política gardo moitos recordos, deles dous que hoxe quero compartir: a sensación de irrelevancia política do BNG xurdido da Asemblea de Riazor e o papanatismo cara a todo o relacionado coa esquerda nacionalista vasca, naquel momento representada por Herri Batasuna. Naquela altura as intervencións dos dirixentes abertzales, case sempre un “copia e pega” de frases feitas, en asembleas e congresos das organizacións nacionalistas galegas remataban con aplausos ata que as mas nos doian.
A esquerda nacionalista vasca era a vara coa que nos mediamos, o exemplo a imitar, e así nos ía.
En 1986 o BNG tivo que enfrontarse a disxuntiva de acatar a Constitución Española ou quedar fora do Parlamento Galego. Un par de anos antes os tres deputados cos que contaba foran expulsados por negarse a xurala ou prometela. Na altura Xosé Manuel Beiras era o único deputado electo. Lémbrome da súa intervención no Auditorio da Universidade de Santiago de Compostela. Lémbrome de como claramente explicou coa vehemencia e intelixencia que o caracterizou case sempre a situación de marxinalidade na que o BNG quedaría si se negaba a estar presente nas institucións. Había unha tensión enorme e a decisión final tomouse por poucos votos de diferenza.
Aquela decisión levou a unha escisión na UPG, o denominado Colectivo Comunista 22 de Marzo, encabezado por Mariano Abalo e unha boa parte do Comité Central, que logo daría lugar ao Partido Comunista de Liberación Nacional.
En 1987 ante a inminente convocatoria das primeiras eleccións europeas o BNG tentou negociar un acordo electoral cos “compañeiros” de HB que non chegou a callar debido a actitude que en todo momento demostraron estes, de imposición das súas condicións, un verdadeiro “tragala” político. O BNG rematou presentando a súa propia candidatura encabezada por Bautista Álvarez que apesares de lograr uns resultados electorais magros pouco mais de 50.000 votos, tivo un dobre efecto positivo. Por unha banda o BNG decatouse da verdadeira faciana de HB, para os que na realidade non eramos outra cousa que tontos útiles. O segundo efecto positivo foi a expulsión do Partido Comunista de Liberación Nacional, por pedir de forma activa o voto para HB apesares de ser un partido integrado no BNG. Librábase así o BNG dun lastre na forma de radicalismo trasnoitado e irreal que lle permitiría avanzar logo nunha reconfiguración do centro e da esquerda nacionalista. Os membros do PCLN, logo daquel exercicio de “borreguismo” político cara a HB, promoveron a creación da Frente Popular Galega, a organización que hoxe controla Anova, unha das organizacións clave de En Marea.
O remate do seguidismo do BNG cara á esquerda nacionalista vasca permiteulle repensar a forma de crear organización, a forma de facer política, todo elo en clave de país, non tentando replicar formas alleas, estranas á nosa sociedade, e os resultos foron os que foron, converterse en segunda forza política, pasar dos 54 mil votos de 1985 aos 395 mil de 1997… Non son amigo da política ficción, pero pensade por un momento en que tería acontecido si as teses defendidas por, entre outros, Mariano Abalo, se tiveran imposto no BNG en 1986?.
Outro exemplo de seguidismo, mais perto de nos no tempo, ten que ver co proceso catalán desenvolto entre 2005 e 2006 que dotou a Cataluña dun novo estatuto, logo modificado amplamente, polo Tribunal Constitucional, a instancias do Partido Popular.
En 2005 o BNG e o PSOE acadan, de forma conxunta, a maioría no Parlamento Galego, e Anxo Quintana convértese en vicepresidente. Noutro exercicio de seguidismo acrítico o BNG promove a redacción dun novo Estatuto para Galicia, na mesma liña que o debate que se estaba producindo en Cataluña. Aquelo foi todo un exemplo de falta de luces políticas, incapacidade para analizar a realidade e falta de criterio. Comezando con que Galicia non é Cataluña, nin a composición de forzas nos dous parlamentos era a mesma, nin sequera parecida, nin a sensibilidade da sociedade galega era remotamente a mesma cara á necesidade dun incremento da capacidade de autogoberno, e acabando porque esa mesma sociedade o que menos demandaba era debates estériles entre as dúas forzas nas que puxera a súa confianza para facer unha política diferente á que liderara Manuel Fraga, durante mais anos dos que case podíamos lembrar.
O proceso non é xa que non reportara ningún rédito político para o BNG senón que foi un auténtico fiasco, un clavo mais para asegurar a derrota electoral que aconteceu no ano 2009.
E achegamos a hoxe. O nacionalismo catalán convoca un referendun de autodeterminación, fora da lei, arranxando no Parlamento Catalán con calquera viso de legalidade, saltándose toda norma constitutiva dun Estado de Dereito que se lle poña por medio e aquí, en Galicia, a En Marea fáltalle tempo para volver ao seguidismo que ten condenado tantas veces á esquerda a posicións minoritarias, cando non meramente ao puro testemuñalismo ou á marxinalidade.
Nada do que saia do proceso que está sucedendo en Cataluña pode deparar ningún beneficio a En Marea, menos si se fan declaracións que mais semellan feitas para contentar aos amigotes cataláns que para representar o sentir da sociedade galega. Seguramente hai posicións de equilibro, de mesura, que serían mellor comprendidas polos votantes de En Marea que o cheque en branco á aberración política representada por Puigdemont ou calquera dos portavoces das CUP.
A esquerda en Galica non está en débeda hoxe cos independentistas cataláns igual que non o estaba fai tres décadas con HB. A esquerda en Galicia, a esquerda nacionalista, ten futuro só si é consciente da sociedade na que vive, sociedade na que non se pode pretender replicar nin formas nin fondos que son alleos á mesma. O apoio ao referendun que predican os dirixentes de En Marea o único que conseguirá será afastar á organización de quenes din representar. Un guión que podería ser escrito por Nuñez Feijoo Unha oportunidade de ouro para o PSOE en Galicia.