A iniciativa é loable. Tal vez hoxe, mais que noutros momentos, nunha sociedade que se enfrenta a retos de todo tipo, dende a globalización económica ao impacto das novas tecnoloxías en todos os ámbitos, dende o cambio climático á convivencia entre culturas e formas de vida e de entender o mundo diferentes, cando non opostas. O que hoxe precisamos é dotarnos de armas intelectuais coas que entender e mellor manexar os cambios, os que vivimos neste momento e os que viviremos no futuro próximo. Necesitamos mais filosofía, non menos, necesitamos tanta filosofía como matemáticas, como informática. Cando menos tanta, nunca menos.
Somos seres humanos, non nos esquezamos. Antes que consumidores, que votantes, que números en estatísticas, somos seres humanos, e a filosofía trata dos seres humanos, trata dos problemas que nos afectan, dos problemas que non poderán resolver integrais ou algoritmos, problemas que non resolven unha nova app ou un tutorial que nos baixemos de Youtube. A filosofía trata da nosa vida en sociedade, da nosa razón de ser e das razóns polas que facemos o que facemos como individuos, como colectivo… Coñecer a Aristóteles, a Platón, a Descartes, a Rousseau, a Locke, a Sartre ou a Marx, e a tantos e tantos outros, é indispensable para coñecernos a nos mesmos, para crecer como persoas, para evolucionar como sociedade.
Privarnos da filosofía, reducila a unha simple anécdota no curriculum educativo, é privarnos, privar aos actuais estudantes, de coñecer a obra de autores como Francois-Marie Arouet, coñecido como Voltaire, filósofo da Ilustración e autor dun libro, tan breve como indispensable hoxe, o seu “Tratado sobre a tolerancia”, escrito en 1763, nunha época de intolerancia relixiosa, un libro que condenaba o fanatismo e as persecucións que este sempre conleva, un libro que 250 anos despojs da súa publicación converteuse nun supervendas en Francia logo do atentado contra a revista satírica Charlie Hebdo, a principios de 2015.
A Voltaire atribuese popularmente a frase, compendio de boa parte das suas reflexións, “Estou en desacordo co que dis, pero defenderei ata a morte o teu dereito de decilo”, que en 2013 Oriol Junqueras, hoxe sabemos que sen entendela, espetoulle á daquela dirixente do PP catalán Alícia Sánchez-Camacho, e que La Vanguardia recordou que na realidade era de Evelyn Beatrice Hall, biógrafa do filósofo francés. Unha frase que aparece no libro da escritora británica “Os amigos de Voltaire” publicado en 1906.
Si é de Voltaire a frase: “Debe ser permitido a cada cidadán non creer mais que na súa razón e pensar o que esta razón, luminosa ou errónea, díctelle,,,,,”. Unha frase que da para pensar.
Moita xente non leu a Voltaire, nin semella que teñan intención, nin interese, de facelo algún día. Mal para eles, e mal para todos os que temos que convivir con eles.
Entre ese inmenso grupo atópanse as poucas ducias de estudantes universitarios que fai uns días se concentraban ante a facultade de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela para protestar contra tres profesores que tiveran a “malévola” idea de asinar o manifesto “Parar o golpe. 500 profesores en defensa da democracia constitucional”.
Esa concentración, da que se fixeron eco os medios de comunicación, dista moito de ser un acto de libertade de expresión, é, nin mais nin menos, un acto de represión, un acto de persecución que si non é fascismo é algo moi semellante. Non se poden amparar no dereito á libertade de expresión accións que teñen como fin negar a propia libertade de expresión de quenes non pensan como un mesmo. Esas ducias de estudantes no fondo, cando non de forma nidia tamén nas formas, non son, cos seus comportamentos, moi diferentes a quenes nos campus das universidades dos países musulmanes persiguen e aterrorizan a quenes non visten ou se comportan como mandan os cánones relixiosos islámicos, non son moi diferentes aos “camisas pardas” da Italia de Benito Mussolini, non son diferentes aos universitarios das mocedades hitlerianas que sinalaban aos seus profesores xudeos… parafraseando a un filósofo español, Ortega y Gasset, digamos que só carecen do contexto adecuado.
Dos tres profesores asinantes o único que ten unha posición política pública relevante e o catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés, coñecido colaborador en diversos medios de comunicación e con quen non comparto case ningunha das súas formulacións e propostas políticas. As nosas vivencias, as nosas bases ideolóxicas, son ben distintas. Pero ainda así defendo, para min é unha obriga moral, o seu dereito a expresarse libremente, sen que sexa acosado por elo, sen que teña que ter medo por falar, por escribir, ou por asinar un manifesto ou unha carta, el e os profesores Celestino García ou Miguel Cainzos, ou calquera profesor, falar ou escribir defendendo ou criticando.
Non nos enganemos o que esas ducias de estudantes pretendían era dar medo. O que pretendían era producir ese medo que é o cerce do totalitarismo, ese medo que é o único argumento dos fanáticos. Ante eles non cabe a condescendencia. Demasiadas veces a esquerda foi tibia na condena de actos totalmente repudiables, silente, ausente, muda. Pero ese silencio non é o meu, e hai que decir alto é claro que eles, esas ducias de estudantes, non representan ningún dos valores dunha sociedade democrática, o único que representan e todo o que o Voltaire, ao que nunca leeran, ao que nunca entenderán, condenou.