A páxina web Wordreference.com, o meu auxilio cando ando co inglés, traduce “reset” por: botón de reinicio; recolocar; restaurar; reaxustar; restablecer; poñer a cero (referido a un reloxo). E cando buscamos na web a verba “reinicio” atopamos a seguinte definición, entre outras ducias: “no mundo dos dispositivos electrónicos, un reinicio, ou reset do sistema, encárgase de limpar calquera erro pendente e regresar todo á normalidade ou ao seu estado inicial, de xeito controlado”.
Non é doado falar da situación que hoxe se vive en Cataluña, que se vive en España e se vive, tamén, en Galicia. Non o é polo menos para min, e dende quen eu son, froito dos anos vividos e das experiencias pasadas e que están aí, ás veces pesadas como lousas. Hai momentos nos que a razón apenas atopa espazo cando o que está a flor de pel son sentimentos, cando ao que se apela é, sobre todo, e por riba de todo, ao corazón. Vivimos hoxe un deses momentos nos que semella que só pode haber vencedores, o que case sempre significa que ten que haber vencidos. Tráeme malos recordos, non polas guerras lidas, senón pola guerra vivida, alén deste país, fai xa mais de dúas décadas.
Durante os pasados días todos temos visto multitude de imaxes, lido ducias de novas: visto ás unidades antidisturbios da policía nacional e da garda civil cargando contra manifestantes, a independentistas utilizando aos seus fillos pequenos como escudos humanos. Temos visto desde mossos d´escuadra mirando para outro lado, ante situacións que deberían perseguir, a líderes do PP ou Cidadáns tentando apropiarse dunha manifestación que non era súa, cando menos non só súa. Estes días escoitamos de profesores acosando a alumnos en institutos cataláns e vemos como nos repiten cifras inauditas de feridos, que logo se transforman en “atendidos”... E case ninguén se atreve a lembar a frase atribuída ao senador republicano por California Hiram Johnson, de 1917: “A primeira vítima dunha guerra é a verdade”, frase que nos levaría a cuestionar as verdades, case sempre proclamadas como absolutas, que uns e outros nos presentan. En 1962, xa fai mais de 50 anos, o sociólogo francés Jaques Ellul publicou un libro, t “Propagandas. Unha análise estrutural” que tal vez hoxe debéramos reler. Tal vez dentro dun tempo, pouco tempo, o que hoxe vivimos dea para engadir un capítulo ao libro de Eric Frattini “Manipulando a Historia”, recentemente publicado en portugués pola Bertrand Editora co título “Manipulación da verdade”.
Levo nos últimos días lido multitude de artigos de opinión, de persoas moi diferentes, artigos nos que uns e outros analizan a situación, e o futuro próximo. Fano dende diferentes ópticas, propoñendo solucións, ás veces coincidentes, moitas veces antagónicas, moitas veces sinxelamente imposibles. Solucións dende a política, solucións dende o marco xurídico, solucións dende o Código Penal...
E eu penso no graffiti da rúa Ramón Cabanillas do que un día tirei unha foto e fixen unhas camisolas: “RESET THE WORLD”.
Hoxe atopar unha solución aos problemas aos que nos enfrontamos require dar un paso atrás e reiniciar.
Temos que fuxir das verdades absolutas. Das que nos contan, das que contamos. Das que nos creemos. Temos que fuxir da realidade en branco e preto, da realidade de maos contra bos.
Hoxe é preciso decatarse que a Constitución Española de 1978 (Bendita Constitución e que grandes servizos ten prestado!), despois de case catro décadas precisa dun reaxuste, para mellor reflectir a realidade da sociedade á que debe servir. Os textos sagrados, incuestinables, inamovibles, son patrimonio das relixións, e nos, a sociedade, a cidadanía, debemos reclamar, seguramente esixir, unha mirada laica, crítica, sobre a nosa propia sociedade, tamén sobre nos mesmos como cidadáns.
E hai camiños. E todos precisan de vontade para ser percorridos.
A Constitución ecuatoriana, no seu artigo 148, fixa unha potestade presidencial que popularmente se coñece como a “morte cruzada”. É a capacidade do poder executivo (recordemos que Ecuador é un réxime presidencialista) para disolver o poder lexislativo, a Asemblea Nacional, en determinadas circunstancias. Por exemplo: si a Asemblea Nacional de forma reiterada e inxustificada obstrúe a execución do Plan Nacional de Desenvolvemento, ou ante unha grave crise política ou situacións de conmoción interna. No caso de ser usada, durante os tres primeiros anos do mandato presidencial, esta potestade non só provoca a disolución da Asemblea Nacional co que se procede automaticamente a convocar eleccións lexislativas, convócanse tamén eleccións presidenciais.
Hoxe é necesario pensar a curto prazo na convocatoria de eleccións en Cataluña e a medio prazo en convocar eleccións a Cortes Xerais.
Nin Rajoy, nin Puigdemont están capacitados para resolver unha situación que un e outro contribuíron a crear. Seguramente con distintos niveis de responsabilidade: responsabilidade política nun caso, responsabilidade política e penal no outro. O primeiro por liderar fai dez anos a campaña contra o Estatut aprobado polo Parlamento catalán e polo pobo catalán, e polo Congreso e polo Senado españoles, recordémolo. Rajoy non está capacitado por non ser capaz de sentarse a negociar, unha forma de anticipar os problemas, durante os mais de cinco anos que leva no goberno, sempre moito mais preocupado por ver cal é o seguinte recorte social, ou cal é o seguinte político corrupto do PP que a garda civil sentará esposado ante un xuíz.
Puigdemont é a persoa que nunca debeu ser presidente. Un presidente posto e sostido por unha organización de perfil anarcofascista que puso a música a un disparate, e que nos puso a todos e a todas ante o borde do abismo. Un borde sobre o que aínda facemos equilibrios. Non pode ser presidente o que promove o quebranto da legalidade dun Estado de Dereito, non pode ser presidente quen ningunea os dereitos das minorías. Non existe xustificación nin política nin moral ao seu comportamento.
Necesitamos resetear o Congreso, resetear o Senado e resetear o Parlamento Catalán.
Estou farto de escoitar, unha e outra vez, a mantra de Pablo Iglesias dunha moción de censura a Mariano Rajoy, que a estas alturas todos sabemos que agocha unicamente a súa incapacidade para liderar unha alternativa, o seu medo a que a cidadanía xa se decatara que detrás da envoltura brillante, dos lazos de colores, da verborrea de vendedor ilustrado de remedios falsos, apenas había mais que outra envoltura. Nin Cataluña, nin Galicia, nin o Estado español son a súa tese de doutoramento. Non somos nos, os cidadáns, as súas ratas de laboratorio coas que experimentar os seus proxectos de neno Peter Pan.
Necesitamos unhas eleccións nas que cada un dos actores políticos partidarios poña, negro sobre branco, de forma clara, de forma moi pero que moi clara, cal é o seu proxecto de país, cal é o seu proxecto da Constitución, cal é a sociedade que quere, con quen a quere, e como a quere construír.
Todo se pode debater, a Coroa, o Senado; a forma do Estado: si un estado federal, si un estado das autonomías reformado, si unha república socialista, si unha república friki... e despois con renovados parlamentos, logo de que a cidadanía vote coñecendo as propostas reais hai está non o artigo 155 senón o Título X da Constitución Española para reformar a Constitución. Sabendo os deputados que esa reforma que saia deberá ser refrendada pola cidadanía.
Andaba polos dez anos cando Arias Navarro apareceu na televisión General Electric que tíñamos na casa, recordo o seu xesto grave naquelas imaxes en branco e negro cando comunicaba o falecemento de Franco. Apenas me lembro de calquera outra cousa, salvo de que tivéramos unha semana de vacacións. En 1975 os nenos non tíñamos moita idea de política, supoño que agora tampouco. Non teño polo tanto unha grande experiencia do que significou a Transición. Pero estou seguro que si hoxe lle puidera preguntar ao meu pai si aquel 20 de novembro pensou que a sociedade española, a galega, chegaría a evolucionar, no social e no político, na forma que o fixo nestas catro décadas, estou seguro que me diría que non. Esa experiencia colectiva pasada é a que reforza a miña convicción de que si pasamos dun réxime ditatorial como foi franquismo, á un réxime democrático, en apenas uns anos, a situación de hoxe debería poder ser superada, e un dos requisitos será escoller a quen este á altura do reto, nas dereitas e nas esquerdas.