Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 26/02/2018 | Actualizada ás 11:00
Especies autóctonas para frear os grandes lumes que se estenden rápida e fácilmente a través de eucaliptos e piñeiros. Esa é a proposta que acaba de aprobar a Comunidade de Montes de Lourizán na súa última asemblea de socios.
Así, entre as actuacións a levar a cabo en 2018, derivadas na súa maioría do aínda non aprobado Plan de Ordenación Forestal, e que para este ano supoñen traballos de desbroce e de poda baixa na practica totalidade dos montes veciñais, tamén se aprobou actuar sobre unha superficie de máis de 9 hectáreas para cortar todos os eucaliptos e facer un clareo dos piñeiros.
“A intención é facer un cinturón de frondosas de 30 metros ao redor do monte que faga de cortalumes natural, así como ordenar o contorno dos xacementos arqueolóxicos existentes na zona e dos camiños que forman parte da Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños, coa plantación de frondosas”, apuntan desde esta entidade.
ELIMINACIÓN DE EUCALIPTOS
Por outra banda, a Xunta rectora explicou a xestión do último ano e os diferentes traballos levados a cabo. Entre estas actuacións destaca a realizada no monte do Catadoiro, coa eliminación de 4 hectáreas de eucalipto e a plantación de 250 pés de castiñeiros micorrizados. Tamén se deu conta das plantacións con escolares que a Comunidade de Montes leva a cabo cada ano cos colexios da parroquia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.