Unha desidia imperdoable

Cando rematei a licenciatura en Economía, xa fai mais de 25 anos, tiven a oportunidade impagable de colaborar con Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas, na recompilación de datos para un proxecto financiado pola Xunta de Galicia que dirixía: o Catálogo de Arqueoloxía Industrial de Galicia.

Por Emilio Martinez | | 21/03/2018

Comparte esta noticia
O profesor Xoán Carmona é autor de numerosos artigos e libros fundamentais para entender a historia do noso país, e dos que eu atrévome a destacar: “El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de la industria téxtil rural 1750-1900”, publicado en 1990 e “El empeño industrial de Galicia. 250 años de Historia” de 2005. Colaborar naquel proxecto deume a oportunidade de profundar un pouco en temas que xa víramos con el durante a carreira, a industria do salgado e da conserva e as industrias auxiliares, percorrendo as praias e os núcleos urbanos marítimos dunha parte da Ría de Arousa e da Ría de Muros e Noia, camiñando na procura de restos de fábricas de salazón ou antigas conserveiras.
 
Aínda teño o recordo da sorpresa, inmensamente grata, de atopar no centro de Ribeira unha fábrica de salgado de peixe case en perfecto estado, e o mesmo aconteceume en Portosín, no veciño concello de Porto do Son. Daquela as notas que fora tomando xa advertían do perigo que corrían elementos singulares do noso patrimonio industrial vinculado ao mar, ameazado por unha urbanización salvaxe que levantaba bloques de apartamentos da noite á mañá, sen planificación e sen respecto algún pola Historia. Aínda que xa ten uns anos paga a pena reler a comunicación que o profesor Carmona presentou ao V Congreso sobre Conservación del Patrimonio Industrial y de la Obra Pública en España: “Patrimonio Industrial y Paisaje”, celebrado en Xixón en 2010, titulada “Lo material y lo inmaterial en el Patrimonio Industrial de Galicia: algunas notas sobre su situación y características”. O escrito da conta de intervencións acertadas pero tamén, mais abundante, do patrimonio que caeu baixo o pico dunha modernización nefestamente entendida ou que pasadas décadas aínda agarda, cada ano mais degradado, un plan de valorización. E este o caso, emblemáticamente penoso, da Panificadora de Vigo, edificio de 1924, que leva décadas agardando por un plan que o salve da ruína e o recupere para a cidadanía. Mentres a Panificadora e ducias de edificios e espazos da nosa Historia agardan pola atención das diversas administracións: as locais, a autonómica, ou a central, estas mesmas administracións despilfarran os fondos públicos en obras e obriñas de mais que dubidosa utilidade, cando teñen algunha, ou que nada mais inauguradas déixanse abandonadas. Os exemplos van dende as depuradoras de Baltar en Ourense ata o Centro de Servizos de Porto Pisón en Meis, do que fai unhas semanas se facía eco El Faro de Vigo.
 
Fai pouco tiven a oportunidade de percorrer unha das zonas cero no que a conservación do patrimonio histórico galego se refire, causada pola desidia das nosas administracións. Cos compañeiros e compañeiras dun club de montañismo de Lugo estou facendo o percorrido pola Costa Ártabra: unha primeira etapa de Cabo Prioriño a Cabo Prior, e unha segunda ata o Cabo de Punta Frouxeira. Mais de 40 quilómetros por unhas paraxes de praias a cantiles incribles, unha natureza salvaxe e espectacular e unha terrible sensación de vergonza. Explícome.
 
No ano 1926 redactouse o denominado Plan de Artillado do Frente Maritimo das Bases Navais de Ferrol-Coruña, Cartaxena e Mahón.  As instalacións da Costa Ártabra tiñan a misión de defender a base naval de O Ferrol, a mais imporante da flota militar española. Nos emprazamentos de Cabo Prior, Cabo Prioriño, Monte Campelo ou Monte San Pedro instaláronse algúns dos canons de maior tamaño e potencia da época, os canons ingleses Vickers de 381 mm,  varias decenas mais de 152 e 105 mm, e tamén obuses Ordoñez de 240 mm, de fabricación española. As instalacións, polo que nos contan os restos que se poden aínda ver, deberon ser impoñentes, bunkers, postos de mando, emprazamento de enormes reflectores, postos de garda, barracóns...  Calquera persoa interesada en coñecer algo mais do tema pode ler o artigo “Los cañones gigantes del Plan de 1926: usos para la Paz en el Siglo XXI”, de Pablo Schnell Quiertant, publicado en 2010 na Revista Castillos de España. Fai uns meses el Diario de Ferrol facíase eco do estado de abandono de toda a zona e en verdade, como dicía antes, o percorrido por aqueles paraxes fai sentir vergonza. O que debería estar conservado e coidado hoxe é pasto do paso do tempo e do vandalismo. Un patrimonio material de primeiro orde, con inmensas posibilidades de ser posto en valor, deixado á súa sorte. O que podería ser un polo de atracción turística, como é noutros países, absolutamente estragado ante a inacción culpable de políticos de todos os signos e de todas as condicións.
 
A George Santaya atribúese a frase “Os pobos que non coñecen a súa historia están condenados a repetila”, e algo case seguro, tan seguro como que os políticos que non se preocupan por preservar a Historia do seu país non se preocupan tampouco polo futuro dese mesmo país. Deses políticos estamos ben servidos por estes pagos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.