A Xunta confía en ter no verán o informe das Catedrais, pero non ve motivos para unha nova traxedia

Lembra que municipios de menos de 20.000 habitantes non están obrigados a ter plan de emerxencias e defende que se informou do risco.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2018 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, asegurou este martes que a Xunta confía en ter antes de verán o informe complementario sobre o estado dos cantís da Praia das Catedrais, aínda que sinalou que non hai "motivos" para "pensar" que un accidente como o do sábado "pode volver ocorrer".

Praia das Catedrais en Lugo
Praia das Catedrais en Lugo | Fonte: Europa Press

Díaz reuniuse en Santiago co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e con representantes da Dirección Xeral de Costas para informarlles da decisión da Xunta de encargar un informe de enxeñaría sobre o estado das Catedrais para complementar o xeolóxico que en setembro pasado confirmou a "inestabilidade" destas rocas.

A decisión, tomada o luns e xa comunicada á Universidade da Coruña, prodúcese tras a morte o sábado dunha turista vallisoletana que visitaba o areal ao recibir o golpe de pedra que se desprendeu dunha das grutas da praia.

Ante esta situación e a posibilidade de que os cantís quedasen afectados os últimos temporais, os expertos consideran que un informe complementario de enxeñaría é "o máis adecuado neste momento", dixo Díaz, que apuntou que, con este estudo na man, avaliaranse "solucións ou medidas a tomar".

ANTES DO VERÁN

Os enxeñeiros de camiños que realizarán este estudo farán primeiro "unha avaliación previa" do informe e, despois, os traballos de campo necesarios nunha área que Ana María Díaz lembrou que é "ampla e aberta", con "moitísimas 'furnas'" e unha gran superficie de cantís.

Por este motivo, descartou fixar cando poderán terse os resultados. O encargo feito por Medio Ambiente, dixo, pasa por que "o fagan no menor tempo posible". "Pero os tempos teranos que marcar eles, porque se trata dun estudo técnico, rigoroso, serio e, por tanto, non é algo que nós podamos apurar", dixo a directora xeral, que confiou en telo, en todo caso, "antes do verán".

RECOMENDACIÓN

A preguntas dos medios, Díaz defendeu a información sobre riscos que se dá aos visitantes da zona desde que en setembro se emitise o informe xeolóxico do profesor Vidal Román. Este estudo, indicou, recolle que "As Catedrais é unha estrutura e unha contorna inestable", como "todas as praias" da cornixa cantábrica, polo que "existe unha posibilidade" de desprendementos e é "susceptible" deste tipo de caídas de pedras.

Con todo, lembrou, os desprendementos "son incertos. Ninguén pode predicir cando se van a producir", polo que "a mellor medida" que o experto recomendaba á Xunta nese informe "era incrementar a actividade informativa aos visitantes deses riscos".

"A consellería, recollendo esas recomendacións, o que fixo foi incrementar a advertencia na súa autorización", dixo Ana María Díaz, que subliñou que o usuario ten que "aceptar explicitamente que coñece o contido desa información" á hora de facer a reserva de praza nos períodos con control de acceso. Do mesmo xeito, a información tamén a dá o persoal contratado pola Xunta nestes períodos no propio areal e paneis informativos.

Durante a xornada do luns mantivéronse pechados os accesos ás 'furnas' e durante o último día de control de accesos a Xunta realizou un "labor case pedagóxico", reforzando o "labor informativo" e recomendando aos visitantes que non entren nesta zona.

"Temos que ser prudentes. Teñamos en conta que As Catedrais formáronse hai 135.000 anos e non tiñamos constancia de ningún outro accidente. En principio, non hai motivos para pensar que pode volver ocorrer un accidente", dixo a directora xeral.

COMPETENCIAS DE MEDIO AMBIENTE

Sobre as declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que lembrou este luns que as competencias do seu departamento limítanse á protección do espazo natural e non das persoas, Ana María Díaz lembrou que así o recolle a normativa e que, en todo caso, Mato "dixo que --as outras administracións implicadas-- fixérano, ao seu xuízo, ben".

Do mesmo xeito, quixo lembrar que son os Parques Nacionais os que están obrigados a ter un Plan de Evacuación e que a lei só obriga aos concellos de máis de 20.000 habitantes a ter un Plan de Emerxencias nas súas praias. "Neste caso, é voluntarista", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta