Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/04/2018 | Actualizada ás 16:10
O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, instou a "reducir o ruído" no seo do partido instrumental para "actuar con eficacia" na resolución "polos procedementos regulados" do caso de Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolvida nun altercado coa Policía Local na madrugada do 18 de marzo e cuxa dimisión reclaman os órganos políticos de En Marea e o seu portavoz, Luís Villares.
O tamén portavoz nacional de Anova reiterou o seu apoio á decisión adoptada polo Grupo Parlamentario de abrir un expediente informativo para esclarecer o asunto, xa que cre que se trata da vía adecuada para a resolución dun conflito que abriu unha crise interna na organización rupturista.
O acordo, ratificado nunha reunión que se alargou durante oito horas, non contou co apoio do portavoz parlamentario e orgánico da formación rupturista, Luís Villares, que optou pola abstención ese día; mentres que os deputados Paula V. Verao e Davide Rodríguez —este último membro de Anova, do mesmo xeito que Sánchez— rexeitaron a resolución que avalaba a continuidade de Quinteiro, apoiada polos once parlamentarios restantes, na súa maioría membros de Podemos.
Villares, logo de case dúas semanas de silencio desde que o asunto transcendese, expresou publicamente o pasado luns —a "título individual", non como portavoz, dixo— que era partidario de que Paula Quinteiro deixase a súa acta de parlamentaria, en sintonía coa liña que manteñen os órganos políticos de En Marea —Consello e Coordinadora— que encabeza, así mesmo, o propio maxistrado lucense.
O portavoz orgánico e parlamentario deu unha semana de prazo a Paula Quinteiro para que esclarecese o seu futuro, un ultimato que finaliza esta fin de semana e que podería derivar na convocatoria dunha consulta telemática para preguntar ás bases de En Marea a súa postura sobre a continuidade da deputada no Pazo do Hórreo.
Este extremo, avanzado o pasado luns polo propio Villares, xerou malestar no seo do Grupo Parlamentario, cuxa maioría sostén que o asunto debe ser resolto unicamente pola vía do expediente interno. Ademais, certos sectores do partido instrumental aseguran que a revogación dun cargo de representación a través dunha consulta aos inscritos é un procedemento que está sen desenvolver nos regulamentos internos da forza rupturista.
Antón Sánchez, aínda que sen mencionalo, restou validez a esta hipotética consulta e reiterou que a decisión que debe prevalecer é a acordada no Grupo Parlamentario de En Marea. "É unha guía para a actuación que nos parece razoable e que todo o mundo estará disposto a facer segundo mandan os regulamentos dos que nos dotamos", aseverou.
ACORDO DO GRUPO
"O grupo acordou unha proposta e a ela remítome", repetiu en varias ocasións este venres Antón Sánchez, que cre que a solución ao caso de Quinteiro pasa por aplicar "os procedementos regulados" que ten o partido instrumental e que foron acordados polo grupo parlamentario para, segundo o deputado, "ter unha información veraz" sobre o ocorrido e, á súa vez, para que Quinteiro teña "garantía de defensa".
"Isto non se resolve con cruces de declaracións nos medios", incidiu, para logo censurar que un asunto "instrumentalizado polo PP e o seu aparello mediático" marcase a "axenda" de En Marea durante "tres semanas". "Debemos ser quen colla o touro polos cornos e utilizar os nosos procedementos regulados para resolvelo, coa verdade e todas as garantías", apostilou.
CONVIVENCIA
Para Antón Sánchez, En Marea debe responder "fronte á xente" que os converteu en 2016 na primeira forza política da oposición, á vez que indicou que non cre que as tensións no seo do grupo parlamentario (onde conviven os que apoian a Quinteiro e os que, como Villares, apostan pola súa marcha) vaian supor un impedimento para desempeñar o seu labor na Cámara galega.
"Este grupo está afeito a tomar decisións colectivas e isto non debe ser óbice para facer o noso traballo. É máis, debemos centrarnos no noso traballo parlamentario, que hai moito que facer", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.