Podemos quere fulminar o espazo de confluencia de En Marea e liderar unha nova coalición en Galicia

Carmen Santos abre unha nova disputa de alcance dentro de En Marea e di que o proxecto "non funciona". Lembra que os inscritos da formación votaron polo modelo de coalición e ve fracasados os acordos fundacionais de Vigo. O novo órdago de Podemos non só afecta ao liderato de Villares, senón que tamén deixa nunha postura difícil a Anova, EU e aos chamados "concellos do cambio".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2018 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Non se pechou a crise de Paula Quinteiro e En Marea ten enriba outra crise e, desta volta, de alcance, xa que está en xogo o modelo de confluencia do chamado "espazo do cambio". A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, sinalou que os últimos acontecementos xurdidos no seo En Marea a raíz do caso de Paula Quinteiro revelan que o modelo de partido instrumental "non funcionou", polo que chama a "reformular e reconstruír" desde "a fraternidade" o proxecto de unidade das forzas rupturistas en Galicia.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos | Fonte: Europa Press

"En vista do que pasou estes días, consideramos que chegou o momento de apostar pola coalición e a inclusión de Podemos como tal no proxecto de unidade galego", declarou Santos nunha rolda de prensa celebrada este luns na que lembrou que este mandato emana da vontade dos inscritos e da reunión do pasado venres do Consello Cidadán Autonómico de Podemos Galicia, órgano máximo de dirección do partido morado.

Santos salientou que os inscritos de Podemos Galicia apostaron polo modelo de coalición con outras forzas de esquerda até en tres ocasiones, a última delas na consulta celebrada hai dúas semanas para a elaboración das candidaturas para as eleccións municipais.

Con todo, nos comicios autonómicos de 2016, a formación morada terminou por integrarse no partido instrumental grazas á intervención de última de hora do líder de Podemos a nivel estatal, Pablo Iglesias, que desbloqueou un conflito que estivo a piques de facer que o partido de Carmen Santos (que xa articulara o seu propio proceso de primarias para a elección de candidatos) e En Marea concorresen por separado.

Días antes deste desenlace, a finais do mes de xullo, as organizacións que conforman o espazo político do rupturismo en Galicia (Anova, Esquerda Unida ou as mareas municipalistas, entre outros) celebraron en Vigo a asemblea fundacional de En Marea, que apostou por dotar á organización da fórmula xurídica de partido instrumental de afiliación individual, é dicir, que quen formase parte do proxecto faríao a título persoal e non como representante dun partido.

O PROXECTO "NON FUNCIONA"

Carmen Santos acudiu a esa asemblea fundacional do verán de 2016, aínda que non participou activamente das decisións que alí se acordaron. Agora, a secretaria xeral de Podemos Galicia cre que ese modelo "non funciona" en En Marea polo que é preciso reorientalo cara unha estrutura de coalición a semellanza da que manteñen en Cataluña os 'comúns' (En Comú) e o Podem catalán.

Deste xeito, asegurou que "os acordos de Vigo" non é o modelo que queren os inscritos de Podemos Galicia, que, segundo Santos, non forman parte "maioritariamente" do censo de base de En Marea. De feito, Carmen Santos e a dirección do partido morado sempre marcaron distancia co partido instrumental, aseverando en varias ocasións que Podemos non forma parte del.

"Queremos estar nun proxecto común. O que pasou estes días é evidente: hai cousas que non funcionan ben", remarcou Santos en referencia á crise interna aberta a raíz do caso de Paula Quinteiro, a deputada de En Marea que se viu involucrada nun incidente coa Policía durante a madrugada do 18 de marzo e cuxa dimisión pide Villares e a dirección política do partido instrumental en contra da opinión maioritaria do Grupo Parlamentario.

A fenda aberta entre os representantes de En Marea no Pazo do Hórreo --só Villares, Paula Verao (Cerna) e Davide Rodríguez (Anova) sitúanse contra a continuidade de Quinteiro-- súmase ao distanciamento que desde hai un ano existe nos órganos de dirección.

E é que, durante as primarias ao Consello das Mareas, a decisión de Villares, que encabezaba unha lista de consenso, de apoiarse en dúas candidaturas presentadas a última hora (auspiciadas por Cerna e parte de Anova) para garantirse a portavocía única da organización xerou un cisma que derivou en que parte dos partidos que conforman o espazo rupturista non se sentan representados polo liderado do maxistrado lucense e os seus órganos de dirección.

APOSTA "POLA UNIDADE"

Santos remarcou que a súa aposta pasa pola "unidade" e que os aliados seguen sendo "os mesmos", aínda que a súa opinión é que é necesario "cambiar o encaixe" para que "todos" sentan representados. "Os nosos inscritos non votaron para que estivésemos (no partido instrumental), senón para que nos presentásemos xuntos ás eleccións", apostilou.

Con todo, expresou o seu "total apoio" ao labor do Grupo Parlamentario de En Marea (do que é viceportavoz), que ve como "o gran representante" da "pluralidade" das forzas rupturistas. Cuestionada sobre se cre que o actual portavoz orgánico e parlamentario de En Marea, Luís Villares, está lexitimado para encabezar a reformulación que pide, Santos indicou que "todo o mundo que participe no espazo de unidade é interlocutora" e remarcou que, con todo, a súa mensaxe vai dirixida "ás organizacións impulsoras" do espazo "do cambio".

CASO PAULA QUINTEIRO

Carmen Santos, que desde un primeiro momento pechou filas ao redor da súa compañeira de Grupo Parlamentario e de partido, Paula Quinteiro; volveu a criticar a "xestión" do caso por parte da dirección do partido instrumental, á que pediu que "retire" a consulta ás bases sobre a continuidade de Quinteiro que, en todo caso, aínda non está claro que vaia a producirse.

Ao seu xuízo, o asunto debería xestionarse "nun período de "24 ou 48 horas" desde que saíu á luz. "Un incidente menor, segundo a Policía Local, non pode ser tres semanas noticia cando hai problemas que afectan os cidadáns", remarcou para logo lembrar que Quinteiro "non está denunciada nin imputada".

ANOVA E EU

A proposta de Carmen Santos deixara en franca minoría a Anova e EU dentro desa futura coalición. De feito, estas dúas formacións --ou parte delas-- apoiaron as decisións de Podemos nos últimos tempos. 

Con todo, a decisión de Podemos de incorporar as súas siglas nas candidaturas municipais e este novo órdago da súa líder en Galicia poden supoñer, definitivamente, ou unha ruptura do espazo de convivencia ou o sometemento destes dous partidos aos ditados de Podemos xa que esta formación ten destacado en numerosas ocasións a súa implantación en Galicia, tanto polos nove deputados que ten na Cámara, como os dous deputados que ten en Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

7 chindasvito

POdemos vaise pegar un tiro nun pe, claro que co que anda facendo por España adiante...

1 Loisin

Al suelo todo el mundo... Llega el de Marea Podemos Pontevedra! Rajando de Lores, manda truco! Os que dicían que viñan a cambialo todo https://www.lavozdegalicia.es/notic...

6 Monedero

Jajajaja. Cuidado que Podemos vai presentarse nas municipales en solitario en Galicia. Vai arrasar. Calcúlolle 50 alcaldías e 750 concelleiros. Dona Carmen con todolos respetos, en que país vive vostede. Podemos é un lastre social en En marea. Moita xente non vots en En marea por estar Podemos.

5 anonimo

Unha coalicción liderada por Podemos ...cicáis funcione mellor, e ten unha virtude:acláranos a moitos cidadáns galegos qué non votar...

4 podreiros casa vieiras

xa non ides ter tempo soberanos ilusos, vai vir o vello e vai vir como "moises coas taboas da sua lei" a chamada lei do funil do viño amargo feudo-reborainas, Brion do vello, os ides enteirar, pronto os círculos serán cadrados, pronto o vello -Vieiras será amo e señor do xa condominio anovado podreiro e mareante, seredes presa do ramo da encantadora, deixade de tomar as drogas o polo menos cambiaros de camelo distribuidor dos estupas, xa tedes o exemplo na anova onde os mozos anovados foron reanovados e onde impusoxe a sangue e lume a egomaniacolatria do vello, pronto as votacions serán asi 1 para -Vieiras e 700 para contra-Vieiras, como e loxico gaña -Vieiras... NON DEIXEDES QUE SEXA TARDE!!!! NON DEIXEDES CO VELLO DECIDA!!!! lembrade o -Vieiras xa daba clases na universidade jesuítico-farisaica cando matusalen ainda tiña os dentes de leite e levaba os cueiros - - https://www.youtube.com/watch?v=Gan...

3 Santos académica da RAG

A unha pregunta da xornalista FErnanda Tabarés, sobre se o seu partido ía reivindicar maiores competencias para Galiza, Carmen Santos foi contundente: “en principio chéganos coas que hai...

1 Ferriño

Supoño que se refire ás que lles deixa Pablo a eles en Galiza! JeJe