China pode acabar controlando a grande industria pesqueira galega

A galega Iberconsa podería acabar en mans de Bright Food, empresa estatal chinesa. Nova Pescanova tamén podería ser participada por Shanghai Fisheries, abrsorbida o pasado ano por Bright Food. A conserveira Albo xa foi adquirida en 2016 por Shanghai Kaichuang Marine International, pertencente a Shanghai Fisheries e, polo tanto, a Bright Food, que mantén moi estreitas relacións coa Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/04/2018 | Actualizada ás 21:03

Comparte esta noticia

Os chineses poderían sacar tallada no medio dun novo terremoto no sector pesqueiro galego. Tras anunciarse que a firma de capital de risco Portobello Capital decidiu poñer á venda a súa participación na compañía viguesa Iberconsa (Ibérica de Congelados) —posúe o 55% e o resto é dos fundadores—, agora salta o nome do xigante chinés Bright Food como posible comprador. Iberconsa é unha importantísima empresa pesqueira, competidora de Pescanova na distribución e comercialización de peixe conxelado.

Iberconsa.
Iberconsa.

O xornal económico Cinco Días daba conta este luns de que Portobello fichou a firma nipoa Nomura para dirixir este desinvestimento e buscar posibles compradores. Agora, desde o Reino Unido salta o nome da chinesa Bright Food como posible nova dona da compañía galega. Segundo Tom Seaman, editor do medio especializado en pesca Undercurrent News, "o grupo Bright Food, un xigante da alimentación chinesa que absorbeu unha das compañías pesqueiras estatais máis grandes do país o ano pasado, barállase como un posible ofertante para Iberconsa".

O medio británico asegura que, segundo as súas fontes, "Bright Food xa expresou o seu interese en Iberconsa", empresa coa que se fixo Portobello en 2015.

Ao mesmo tempo, apúntase a Shanghai Fisheries —adquirida en 2017 por Bright Food— como posible compradora de Nova Pescanova ante a decisión dos seus accionistas bancarios están de vender as súas participacións.

O crebacabezas chinés e aínda maior, xa que Shanghai Kaichuang Marine International se fixo en 2016 coa conserveira galega AlboEsta sociedade non é máis que unha filial de Shanghai Fisheries, que á súa vez pertence ao grupo Bright Food.

Se se confirmasen estes intereses tanto sobre Iberconsa como sobre Nova Pescanova, o Estado chinés, a través de Bright Food, acabaría controlando unha importantísima parte da industria pesqueira galega e, máis concretamente, de Vigo (as tres empresas galegas están radicadas na cidade olívica).

Iberconsa, con 42 barcos, está valorada en 600 millóns de euros, polo que  Bright Food podería desembolsar 330 millóns para facerse coa parte de Portobello, isto é, dez veces máis do que pagou Portobello en decembro de 2015 por ese 55% da sociedade galega.

Bright Food está en mans do Goberno Local de Shanghai e, polo tanto, é propiedade do Estado chinés.

A Xunta de Galicia non vería mal estas operacións, xa que mantén unha boa relación coa dirección de Bright Food, De feito, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, reuniuse a finais de marzo cos responsables deste holding e trasladou á vicepresidenta do grupo, Yu Liping, a intención do Goberno galego por "consolidar e impulsar as relacións comerciais" con China, nas que Bright Food sería un actor clave para a Xunta.

De feito, este grupo chinés xa está actuando como facilitador para empresas galegas que participarán na International Import Expo Road Show, unha feira multisectorial que se celebrará en Shanghai do 5 ao 10 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta