Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/04/2018 | Actualizada ás 11:34
Aragón ten 150.000 toneladas de resíduos de lindano. Uns resíduos acumulados durante 25 anos. Pero, a diferencia de Galicia, ten redactado e en marcha, desde 2016, o 'Plan estratéxico de loita integral contra a contaminación dos residuos xerados pola fabricación de lindano en Aragón', que se centra en tres enclaves fundamentais: a antiga fábrica de Inquinosa, o vertedoiro de Sardas e o vertedoiro de Bailín.
Ese goberno apostou por unha fórmula europea para afrontar os problemas xerados polos residuos da fabricación de lindano que está dando xa os seus froitos. Por unha banda, coa aprobación no seu día do proxecto LIFE-DISCOVERED e a presentación na convocatoria pasada doutro similar. E, por outra banda, a preparación de novos proxectos co mesmo obxectivo nos que se atopa traballando a dirección xeral de Sustentabilidade.
Moitas das iniciativas que se están levando a cabo na loita contra o lindano están cofinanciadas polos Fondos FEDER no Programa Operativo 2014-2020, 'Construíndo Europa desde Aragón'. De feito, desde este goberno fíxose fincapé na innovación e na investigación, así como en compartir experiencias para resolver o problema.
XUNTANZA
Por iso, o seu conselleiro de Desenvolvemento Rural e Sustentabilidade, Joaquín Olona, quixo manter un encontro con Galicia para abordar o problema conxuntamente. Un encontro que se celebrou hai uns días en Madrid e no que estivo a Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Olona confesou que o que máis lle preocupa é establecer canles de relación e xerar unha rede de colaboración e atraer o interese dos equipos de investigación, das universidades, dos centros tecnolóxicos e das empresas para facerlles chegar este problema como un reto científico e tecnolóxico sobre o que traballar.
"Queremos que se fixen no noso problema a escala nacional e europea, porque a solución dun problema tan complexo non se pode expor dunha forma exclusiva desde unha Comunidade autónoma e dunha forma illada", dixo o conselleiro logo da reunión, á vez que engadiu que a descontaminación dos residuos de lindano esixe "unha colaboración moi ampla e un enfoque europeo".
O LINDANO, EN EUROPA
Un enfoque que xa recoñeceron as institucións ata o punto de que se interesou o Parlamento Europeo, "que xa está a traballar mesmo nunha convocatoria en relación con estes problemas de chans contaminados", dixo Olona. De feito, o Parlamento Europeo xa ten tamén abordado varias iniciativas de contaminación por lindano que ten levado alí a eurodeputada galega Lidia Senra.
En Aragón, a diferencia de Galicia, o problema da descontaminación do lindano non é unha cuestión de orzamento. "O diñeiro é necesario, pero estamos ante un problema onde faltan aínda solucións e coñecementos científicos e técnicos que permitan resolvelo", dixo o seu conselleiro. "Estamos a traballar e desenvolvendo proxectos a escala europea porque nos atopamos ante un problema dunha magnitude e dunha complexidade técnica, científica e institucional, que así o esixe e, ademais, as institucións europeas así o entenderon", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.