Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2018 | Actualizada ás 14:22
A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia que, a día de hoxe, as traballadoras do Consorcio que tiveron un/ha fillo/a no 2017 non se beneficiaron do incremento da base de cotización como consecuencia do Acordo asinado que recoñecía, por fin, o pago de trienios con efectos económicos de xaneiro de 2017. Deste xeito, desde a CIG consideran que o Consorcio, cun cadro de persoal maioritariamente feminino, está a exercer discriminación por razón de xénero.
Doutra banda, desde a CIG apuntan que "a pesar de ser avisados en diversas ocasións de que se tivera en conta a situación do persoal en suspensión por risco durante o embarazo e por maternidade sempre se nos manifestaba que era unha cuestión que tiña que resolver a Seguridade Social". Pedíronlle que comunicaran de oficio a modificación das bases de cotización ao INSS destas máis de 50 mulleres pero non se fixo, polo que "tiveron que solicitar de forma individual as súas bases de cotización e reclamarlle á Seguridade Social", engadiron.
Así, as primeiras respostas chegaron estes días no sentido de non estimar a súa petición porque “a retroactividade non pode exceder de 3 meses”. Fronte a esta situación, a CIG solicitoulle ao Xerente unha reunión con el e con Función Pública para rematar con esta grave discriminación que sufriron aquelas mulleres que quedaron fora da aplicación do Acordo polo feito de estar parindo e coidando aos seus fillos/as.
PARTIDA ECONÓMICA ESPECIAL
A CIG solicita de Función Pública e o Consorcio que implementen unha partida económica especial que cubra o incremento salarial que tiveron as bases de cotización dende xaneiro de 2017 as mulleres que estiveron en situación de maternidade durante ese período, como pago extraordinario de atrasos e solucionar entre administracións a diferenza de criterios que puideran existir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.