Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/06/2018 | Actualizada ás 22:00
O Instituto Oceanográfico de Vigo (IEO) ten rexistros de desembarco de sardiña desde o século XIX. Unha información de primeira man para poder ter idea de como as capturas desta especie peláxica foron variando a súa cantidade nos últimos douscentos anos. Así “temos que na década dos anos 20 houbo unha crise na pesca da sardiña, houbo outra nos anos 50 e logo nos 70 houbo unha crise xeralizada para máis especies peláxicas como o arenque” di Pablo Carrrera, investigador do Instituto Oceanográfico de Vigo, “isto podería indicar un comportamento estacional nos peláxicos”, afirma Carrera.
Sería posible a recuperación da sardiña? “Unha cousa son as impresións que che poda dar a xente e outra os datos que podan contrastar as persoas do IEO, que che din que esa recuperación é posible, o que non se coñece é o por que da caída da sardiña, que é unha fluctuación normal, pero agora mesmo é estraño a duración da baixa actual nas capturas”. Así o explica Mercedes Rodríguez Moreda, Directora Xeral de Pesca da Consellería de Mar, “pero nestes momentos estamos tratando de poñer en marcha todas as medidas posibles para a recuperación”.
FLUCTUACIÓNS
As fluctuacións ou bailes de produtividade do océano son os períodos nos que as augas non serían propicias para unha pesqueira abundante. “Son fenómenos globais que se rexistran ao longo da Historia e que inflúen sobre todo nas costas oeste dos continentes, desde as Illas Británicas ata Sudáfrica e entre as costas de Estados Unidos e México” di Pablo Carrera. Podería deberse a fenómenos a escala global influídos por fenómenos como “El Niño”. A consecuencia é por tanto mundial e afectaría a todas as especies peláxicas. “Existen tamén condicionantes locais como son a sobrexplotación, a presión sobre a costa e o impacto da actividade humana no medio ambiente mariño” sinala Carrera.
O certo é que logo de estudar as diferentes tendencias na pesca dos últimos dous séculos, a conclusión é que “non se pode esperar que haxa un número constante de peixe durante anos” como apunta o científico do IEO. “No caso destas fluctuacións de peixe só queda adaptarse, porque ata o de agora a poboación de peixe acaba recuperándose” destaca Carrera que insiste en que a rendibilidade constante dos bancos pesqueiros é imposible. Da mesma maneira que praticamente recuperar a biomasa, o sistema ecolóxico onde vive o peixe, tamén sería ou imposible ou terriblemente difícil
VEDAS OU PECHES?
Como xa se apuntaba na anterior reportaxe, a solución das vedas permitirían a recuperación da especie sempre e cando se respeten os tempos de desove. “Ten que haber un nivel axeitado entre os tempos de veda e que se limite a pesca a un punto que permita aumentar a especie, por tanto si estamos a favor das vedas sempre que estean ben emprazadas” di Pablo Carrera.
“Os tempos das vedas son de tres meses, mesmo hai ideas de que sexan de seis, pero esperemos que as actuais comecen a funcionar, se o novo plan de recuperación da sardiña se está aplicando foi por que o anterior non deu resultados” responde Mercedes Rodríguez. De momento, o novo plan aínda non ten un ano de vida, “por iso é cedo para falarmos de resultados definitivos”.
O peche definitivo de zonas específicas para a reproducción da sardiña é un punto cuestionable, tanto para as autoridades políticas como os científicos. “Iso habería que miralo moi ben, tería que ser moi avalidado por equipos científicos para non pechar zonas que non deban selo e logo, saber se realmente esa opción serve para recuperar a especie e tamén para evitar danos á flota” di Mercedes Rodríguez. “Realmente esa idea está moi no aire e terían que demostrarse as posibilidades da mesma”.
Pablo Carrera parece coincidir coa Directora Xeral “é moi complicado levar adiante un peche total, porque o hábitat peláxico vai moito en función da columna de auga, algo así como do aire para os animais”. O caso é que se debería lembrar sempre que a capacidade peláxica é un elemento móbil. As condicións para a pesca poden variar de lugar por diversos factores como xa se dixo. “Tamén se apuntaba á baixa da salinidade cando a crise do bocarte” di Rodríguez en resposta a se, desde algúns sectores se ten apuntado ao cambio climático como factor na baixa de pesca de sardiña.
Por tanto, a mobilidade das condicións nas augas mariñas, a redución de biomasa sexa de maneira natural ou por acción humana, fluctuacións na calidade da auga, ademais de accións de sobrepesca e outros factores poderían estar influindo agora mesmo no escaso desembarco de sardiña. Non hai unha resposta en firme, pero o feito é que as capturas minguan e o actual baixo rendemento dos bancos estase estendendo no tempo. A resposta? Aínda se está estudando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.