Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2018 | Actualizada ás 14:00
Galicia sitúase no sexto posto entre as comunidades autónomas de España en exportacións a Brasil. Unha situación que, cando menos, supón un paradoxo coa afinidade e vantaxe lingüística e cultural que debería aproveitar o país, que comparte con Brasil non só unha mesma raíz idiomática, senón tamén unha proximidade cultural, dada polas nosas raíces compartidas coa colonizadora Portugal e pola amplísima comunidade emigrante no país suramericano.
Segundo o Instituto Naiconal de Estadística (INE), a 1 de xaneiro de 2017 había en Brasil 47.753 galegos inscritos, sendo o segundo país con maior presenza de emigrados galaicos, só superado por Arxentina.
Con todo, as relacións comerciais de Galicia e Brasil non son todo o boas que cabería presumir. Segundo un estudo de José Luis Alonso Santos, profesor titular de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Xeografía da Universidad de Salamanca, Galicia ocupa o sexto posto entre todas as comunidades autónomas do Estado español en nivel de exportacións cara a Brasil.
"Rexións como Galicia ou A Rioxa permanecen en niveis inferiores ao do seu PIB no conxunto nacional".
Cataluña lidera a clasificación, con case un terzo do total de exportacións desde España a Brasil (27,52%), seguida por País Vasco (16,01%), Madrid (11,26%), Andalucía (10,76%) e Comunidade Valenciana (7,12). Despois destas, sitúase Galicia, cuxas relacións comerciais con este país representan o 5,19% do total das exportacións desde España.
"Rexións como Aragón, Asturias ou Castela e León, con baixa presenza inicialmente, co paso dos anos incrementan o seu potencial exportador ata niveis bastante similares ao seu peso na economía do país mentres rexións como Galicia (2,6% en 2014-2015) ou A Rioxa (0,3% en 2014-2015) permanecen en niveis inferiores ao do seu PIB no conxunto nacional", destacan os autores do estudo.
Pola contra, Andalucía pasou de representar apenas o 6,3% das exportacións nos anos 2000-2001, ao 15,2% no bienio 2007-2008 para retroceder en 2014-2015 ao 9,4%. Pola súa banda, Cataluña en 2000- 2001 achegou máis do 32% das exportacións, descendendo ao 26,9% en 2007-2008 e ao 25,1% en 2014-2015. O País Vasco achegou o 18,6% en 2000-2001, aumentou ao 21,4% en 2007-2008 e retrocede ao 12,3% en 2014-2015. A Comunidade de Madrid presenta unha traxectoria irregular, xa que en 2000-2001 achegou o 12,2%, retrocedeu ao 8,1% en 2007-2008 para remontar ata o 14,8% en 2014-2015. Á súa vez, a Comunidade Foral Navarra incrementou a súa cota desde o débil 1,9% en 2000-2001 ao 2,4% en 2007-2008 e ao 5% no último bienio. Con todo, Alonso Santos subliña que "o crecemento máis espectacular da cota de exportación corresponde á rexión de Murcia", que pasou do 0,9% en 2007-2008, inicio da crise económica, ao 5,4% en 2014-2015.
O comercio bilateral España-Brasil tiña ata avanzados os anos noventa do século XX unha intensidade bastante baixa en ambas as direccións con saldo positivo, en xeral, para Brasil. Nos últimos anos do pasado século produciuse un cambio de ciclo, incrementándose notablemente o volume e natureza dos bens intercambiados. Porén, só despois de iniciada a crise económica, desde 2010 o incremento das exportacións e importacións acadaron niveis importantes, só crebados no último bienio debido á crise económica e política que afecta a Brasil.
O estudo, titulado 'Relaciones comerciales entre España y Brasil. Las exportaciones de España en el siglo XXI', publicouse recentemente na Revista de Estudios Brasileños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.