Por GC Emprende | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2018 | Actualizada ás 20:30
Máis de 200 personalidades do ámbito político, empresarial e social foron testemuñas da homenaxe que se celebrou esta tarde en Oleiros. José González Fuentes, o presidente do Grupo Luckia, foi o homenaxeado. O premiado pola Confederación de Empresas da Coruña. En palabras de Antonio Fontenla, o presidente da CEC: "José González Fuentes é unha persoa que lidera un proxecto baseado no tesón, a autoesixencia e a responsabilidade, e sen dúbida constitúe un exemplo para as novas xeracións de emprendedores".
Así, a undécima edición da Confederación decidiu premiar ao presidente desta compañía que leva funcionando dende 1972. Unha compañía dedicada á explotación de xogos de azar que, segundo a CEC, contribúe ao "progreso económico e social, así como á creación de emprego". O galardón tivo lugar en Leira Montesqueiro e foi entregado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O acto contou coa asistencia de autoridades do mundo empresarial, social e político. Entre eles atopábanse o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Oleiros, Anxo García Seoane; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada. Tamén asistiron representantes das Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago e das Confederacións de Empresarios de Pontevedra e Lugo, representantes sindicais, membros das Asociacións integradas na CEC, e outros destacados dirixentes da vida política, económica, empresarial e social galega.
CREACIÓN DE VALOR
Ante todo o público presente, José González Fuentes afirmou que "os empresarios temos a responsabilidade de preparar aos líderes do futuro para que sigan creando valor para as empresas e a sociedade, sen dúbida o mellor legado que podemos deixar ao noso país".
Ademais, o premiado destacou a singularidade deste premio outorgado pola CEC fronte a outros recibidos ao longo da súa traxectoria ao ser un recoñecemento na cidade da Coruña, onde vive desde hai máis de 35 anos.
UNHA EMPRESA "FAMILIAR"
"Somos unha empresa familiar, coa súa peculiaridade e cultura propias, baseada nuns valores de rigor, integridade, foco no cliente e desenvolvemento das persoas, cunha actitude responsable fronte aos nosos clientes ao manter protocolos propios de xogo responsable", sinalou González.
E é que o premiado naceu na contorna rural de Cerceda en 1948 e entrou en contacto coas máquinas de xogos en París. E de aí a comprar unha gramola para o bar familiar en Ordes, onde xerminou o seu negocio ao comezar a montar máquinas en concellos próximos. Despois, dar o salto ás principais cidades galegas e, despois, ao resto de España. En 2005 comezou a súa andaina internacional.
Hoxe en día, a compañía é referente no sector do xogo en España, con máis de 2.500 empregados. Destes, un 44% son mulleres, distribuídos entre o seis países nos que agora está presente: Chile, Colombia, Croacia, España, Perú e Portugal, coa intención de expandirse cara a 2021 e situarse en doce países.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.