Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2018 | Actualizada ás 14:25
A CIG censurou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "xustifique" que as instalacións do centro de saúde de Oímbra (Ourense) acollan a celebración da Festa do Pemento da localidade, á vez que acusan á Xerencia de empregar a "posverdade" para "vender unha realidade falsa".
A través dun comunicado difundido este domingo, a central nacionalista critica que o Sergas argumente que o ambulatorio da localidade permanece pechado durante as fins de semana para xustificar que as dependencias sanitarias se empreguen como lugar para a celebración da degustación gastronómica.
"Basta con visualizar as fotos desta festa en anos anteriores para constatar que a Xerencia do Sergas falta á verdade, ou o que é o mesmo, utiliza a posverdade para deformar a realidade, agás que considere que todo o mundo é parvo ou, mesmo, cego", apunta a CIG no seu comunicado.
Deste xeito, lamenta que o Sergas acuse o sindicato de actuar con "intereses partidistas" e de querer xerar "alarma social". "Non é a CIG a que leva aos centros de saúde a políticos do PP a degustar pementos", apostila.
Así as cousas, empraza á Consellería de Sanidade a "abrir o centro de saúde" durante as fins de semana en lugar de "organizar festas" nas súas dependencias, á vez que avanza que "estudiará" iniciar "as accións necesarias" contra esta "broma de mal gusto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.