Por Galicia Confidencial | O Grove | 07/08/2018 | Actualizada ás 10:56
O BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute), con base no Grove, documentou por primeira vez en augas galegas o festín da "migración dos bolos", unha loita pola supervivencia convertida nun espectáculo da natureza, segundo sinalan os científico. De feito, din, "en poucas ocasións pódese estar tan preto dun evento tan extraordinario e único na natureza, asistindo ao ciclo da vida do océano".
Nesta coreografía, os protagonistas son centos de depredadores —golfiños, atúns, quenllas, aves mariñas— que acoden a alimentarse da inmensa masa de peixes bolo que cruzan as nosas augas en dirección ao norte.
Como explican desde o BDRI, os golfiños comúns son os causantes de que unha simple migración se converta nun espectáculo da natureza e son os responsables de que centos de depredadores se aproveiten da súa estratexia de caza.
"Os golfiños en realidade empregan unha técnica de 'pastoreo', contribuíndo a crear grupos densamente compactos de bolos, empurrando a bóla de carnada cara á superficie, facendo remuíños, xiros e nadando por baixo, mentres que desde o aire as aves mariñas se abalanzan sobre o cardume", explican os expertos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.