Mauricio García Pereira, o galego que escandalizou a industria agroalimentaria de Francia

"Cala a boca, baixa a cabeza, fai o teu traballo. E se non estás contento, larga!", díxolle o xefe de produción unha vez. GC fala con Mauricio García Pereira, o protagonista dun dos escándalos máis graves dos últimos tempos na industria agroalimentaria francesa, o primeiro que denunciou a cara descuberta o maltrato animal e o sufrimento humano do matadoiro máis grande de Francia. O que denunciou que mataban, todos os días, vacas preñadas. Un galego que chegou ao Senado Francés para falar de dereitos.

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 08/08/2018 | Actualizada ás 22:09

Comparte esta noticia

- Xa o ves, son tenreiros. Son fetos que están no ventre da nai e antes de que nazan van matar á nai, van matar á vaca, van esperar 20 minutos antes de abrir a vaca para que o tenreiro morra no seu líquido amniótico, morra afogado. E a vaca xa está morta pero o tenreiro aínda está vivo. Ao tenreiro fáltanlle de 15 a 20 minutos. Fan falta entre 15 e 20 minutos para que o feto morra afogado, no seu propio líquido. E a nai morta colgada dunha pata e o ventre que se move.

Mauricio García Pereira
Mauricio García Pereira | Fonte: Juncal Álvarez Álvarez

- Onde é?

- Eu traballo no matadoiro máis grande de Francia, en Limoges. 

- Que me dis? Estás a traballar no matadoiro máis grande de Francia en Limoges? O máis importante de Francia? E matan vacas preñadas todos os días? Non me digas que facemos iso en Francia. E canto tempo levas traballando aí?

- Sete anos.

Mais ou menos así reproduce Mauricio García Pereira a conversa que tivo con Brigitte Gothière, unha das fundadoras da Asociación de ética animal L214. Que ademais do nome da asociación é unha lei da Constitución francesa que recoñece que os animais son sensibles, que os animais senten dor. Unha dor que Mauricio García Pereira viviu dende case o primeiro momento. Porque el comezou a traballar no 2010 e a principios de 2011 xa descubrira que mataban vacas preñadas, da raza Limusina. Ao principio pensou que sería de cando en vez pero pouco máis adiante descubriu que non: mataban vacas preñadas todos os días. E "a fondo". 

'Ma vie toute crue', o libro de Mauricio García Pereira
'Ma vie toute crue', o libro de Mauricio García Pereira | Fonte: Juncal Álvarez Álvarez

En 2013 quería denunciar pero non sabía como. En 2014 aínda non sabía como. En 2015 aínda non sabía como. E non entendía por que o facían e quería entendelo pero falaba cos seus compañeiros e estaba só: "isto podiamos denuncialo, dicíalles. Pero ninguén quería saber nada. Por que non dicides nada? Vós, por que non dicides nada?".

E en 2016 atopou a forma porque viu unhas imaxes que saíran á luz dun matadoiro no sur de Francia, en Arles, nas que ao mesmo cordeiro o lanzaban cinco veces. O operario pensou: se isto vos escandiza, se isto vos alarma, entón que ides pensar se sabedes que aquí matamos vacas preñadas todos os días. E chamou á asociación e, durante seis meses con cámara oculta, cando quedaba só, gravaba o que alí facían. 25 vídeos e o 3 de novembro de 2016 saltaba o escándalo: asasinaban vacas preñadas e deixaban morrer aos tenreiros, algúns deles "con pelo", a piques de nacer, e tiraban os cadáveres coas tripas. Todo igual, todo lixo. 

Foi tamén o seu rapaz, que daquela tiña 14 anos, quen lle pediu que o fixera: "papá, tes que denuncialo". Mauricio García Pereira explica que foi entón cando non dubidou. El ten dous fillos, que foron tamén a razón pola cal comezou a traballar no matadoiro. Logo de separarse da súa muller, non ter traballo, caer en depresión, ter problemas co alcol, volver a Galicia e regresar a Francia porque "eu sen os meus nenos non podo vivir". 

"O cheiro, o sangue. Cando estás a 200 metros está o cheiro e ti aínda non estás. Chegas ao parking, saes do coche. E aprendes a respirar pola boca, xa non respiras nin polo nariz. E que fago aquí? Se eu toda a miña vida traballei de comercial ou de camareiro e estoume comendo a merda desta xente", expresa o operario. El medrou ata os vinte anos nunha granxa de 400 hectáreas en Vizoño, no Concello de Abegondo. Na granxa máis grande de Galicia nos anos 70, a de Rumasa, logo expropiada. Alí aprendeu a amar e respectar os animais e, sobre o matadoiro de Limoges, afirma: "o primeiro día xa é unha hostia na cara". 

"Non tes nin un minuto e medio para cada vaca. Aínda a primeira está a tremer e xa estás coa segunda. E colga unha, e colga dous, e pegadas"

Mauricio García Pereira relata a súa experiencia en "Ma vie toute crue". Polo de agora só é posible atopar o libro en francés pero a Editorial Planeta comprou os dereitos e "con sorte sairá en 2019 en castelán". Un libro que non trata só do maltrato animal senón tamén do sufrimento humano. Da cadencia dun matadoiro. Da violencia á que son sometidos os traballadores, os operarios: "para producir máis hai que ir rápido, rápido, rápido. Imaxina o que é matar 35 vacas por hora, de media. Non tes nin un minuto e medio para cada vaca. Aínda a primeira está a tremer e xa estás coa segunda. E colga unha, e colga dous, e pegadas. E co coitelo ao pescozo". 

"Como pares a cadea, como pares a máquina, prepárate", sinala o traballador. Mauricio García Pereira reproduce conversas. Un xefe de produción di: "oe, vostede, eu nunca vin a un obreiro falarlle así a un xefe". E o operario responde: "pois eu na miña vida vin a un xefe falarlle así a un obreiro". É unha conversa real, dunha discusión real, cando el aínda traballaba no matadoiro: "os xefes non teñen ningún respeto polos obreiros, tratan aos operarios como cans". Porque a máquina é demasiado grande, hai demasiados cartos e "os que mandan son os grosistas, os lobbies da carne". 

VIOLENCIA BANAL

"Damos patadas ás cabezas, xogamos ao fútbol coas cabezas. Por que hai tantos problemas de droga e de alcol? Non vas atopar na cadea a ninguén que teña o bacharelato. Son todos casos sociais, xente que está na puta rúa"

Mauricio García Pereira foi diagnosticado de estrés post- traumático: "eu estou no mesmo caso que un home que tivese un accidente de coche e vira morrer a súa muller, el conduce e a muller morre. Pois eu estou máis ou menos no mesmo sistema, o que pasa é que no meu caso non é unha imaxe, non é unha acción dun día. Porque un accidente de coche é unha vez. No meu caso son imaxes repetitivas durante anos, e a violencia que se acumula". 

Unha violencia cotidiana, banal, desdramatizada. Matar 35 vacas por hora, deixar morrer tenreiros, tiralos ao lixo, escoitar os berros, non poder parar a cadea. Coller distancia coa realidade e protexerse: "damos patadas ás cabezas, xogamos ao fútbol coas cabezas. Por que hai tantos problemas de droga e de alcol? Non vas atopar na cadea a ninguén que teña o bacharelato. Son todos casos sociais, xente que está na puta rúa". 

Unha violencia coa que te enfrontas, tal e como relata, mesmo fóra do matadoiro: "se notas que alguén te mira mal xa vés violento. Eu os últimos anos nin me recoñecía. A maioría dos meus traballos toda a miña vida foron sempre ou comercial, ou vendedor ou camareiro. Eu son moi extrovertido. Gústame falarlle á xente, ver xente, servir á xente, e os últimos anos non son nin a sombra do que era".

A CARA DESCUBERTA

Cando decidiu mostrar os vídeos e dar a coñecer o que acontecía no matadoiro de Limoges, a asociación L214 aconselloulle que se presentara coma unha testemuña anónima. Decidiu o contrario porque tal e como explica, "teño moitas cousas que dicir e quero poder dicilas todas". Mauricio García Pereira foi o primeiro en denunciar este tipo de situacións a cara descuberta, e polo de agora o único. Si hai, doutra banda, outro "topo" no matadoiro de Limoges. Di saber quen é ao 99% pero prefire non dicilo porque este outro operario prefire manterse anónimo.

Conta como, cando estallou o escándalo, o alcalde de Limoges volveu: "estaban alí o alcalde, o director do matadoiro e a maioría de concelleiros". E lembra como o director do matadoiro dixo: "pois o señor García por unha banda non debía facelo pero doutra banda tamén ten razón. Non é nin moral nin ético o que facemos, pero como non hai ningunha lei que o prohiba". Non hai nungunha lei que o prohíba, por iso o fan, afirma o traballador. E explica que se matan vacas preñadas é porque economicamente é máis rendible, porque a carne de Limusina é cara e o que funciona é a lei da oferta e da demanda. Inseminan as vacas. Modifican o seu metabolismo para logo sacrificalas, a elas e aos tenreiros. 

Mauricio García Pereira percorreu toda Francia relatando a súa experiencia e participando en actos animalistas. Non é vegano, pero variou a súa alimentación e non come carne vermella. Foi invitado ao Senado por un senador francés. Lembra que unha vez  respondeu a un home que el era só "unha persoa normal á que quixeron masacrar e non puideron". E lembra tamén o dito francés "vivre dans le déni", para aqueles que viven na ignorancia e na indiferencia. Que ven pero calan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta