Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2018 | Actualizada ás 13:42
Ciudadanos arrinca o curso político en Galicia coa previsión de pór en marcha este mes de setembro un total de 12 novos grupos locais en toda a xeografía, o que supón que, no último ano, a formación laranxa crecería un 200% a súa presenza.
A portavoz de Ciudadanos Galicia, Olga Louzao, sinalou que a primeira destas incorporacións será a do Porriño, este mesmo venres. O grupo estará encabezado por Sue Rial. A esta seguiranlle as de Cambados, Silleda, Sanxenxo e Ortigueira, entre outras. "Todas con equipos moi preparados para gobernar", apuntou Olga Louzao nun curso político clave pola celebración, o próximo mes de maio, das eleccións municipais.
"A nosa evolución e asentamento foi imparable nestes últimos 12 meses en Galicia pasando a día de hoxe dos 6.500 inscritos, e segue adiante", remarcou Louzao, quen tamén avanzou que outras dez agrupacións de Cs serán presentadas no mes de outubro.
En opinión da portavoz, este "crecemento exponencial" débese a que "cada vez máis persoas descobren en Cs un novo proxecto político que responde as súas inquietudes e isto tradúcese en que se achegan, queren formar parte porque valoran un partido que chega sen débedas e sen sospeitas de corrupción".
Louzao destaca como un dos "valores fundamentais e chaves" para a confianza da xente en Cs é "o traballo ben feito; facer ben as cousas está a dar os seus froitos". Hoxe a estrutura do noso partido chega case ao 80 % da poboación", dixo Louzao, quen lembrou que as listas municipais coñeceranse no principio do ano no conxunto do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.