Homenaxe na Arxentina a un dos grandes líderes da emigración galega

Autoridades galegas e arxentinas destacaron a figura de Paco Lores un ano despois do seu falecemento. As asociacións galegas volven facer unha comida para manter a vinculación con Galicia.

Por Galicia Confidencial | Bos Aires | 17/09/2018 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

Autoridades políticas e diplomáticas, referentes sociais e personalidades do ámbito dos dereitos humanos e a cultura, tanto arxentinos como galegos, homenaxearon este sábado en Bos Aires a Francisco 'Paco' Lores, nado no Grove en 1934, cando se fixo un ano do seu pasamento.  

Homenaxe a Paco Lores en Arxentina
Homenaxe a Paco Lores en Arxentina | Fonte: Federación de Asociacións Galegas en Arxentina

Nun acto cargado de emoción e celebrado no Teatro Bambalinas da capital rioplatense, houbo música, vídeos e moitos e emotivos discursos. Tras un pequeno vídeo autobiográfico, tomou a palabra o seu substituto na Presidencia Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA), Diego Martínez Duro. "Foi alguén que nunca perdeu os seus principios. Hai xente que pensa moi diferente a Paco pero que sempre me dixeron: Paco é un tipo que pensa e actúa conforme ao que di, de acordo a aquilo que cre xusto e necesario. Ese é unha gran mensaxe que nos legou a todos", dixo moi emocionado.

Martínez Duro repasou ademais algúns dos logros obtidos por Lores para os galegos con maiores necesidades e os españois en xeral. Entre elas, as mobilizacións que impulsou nos anos 90 desde o Obelisco porteño  até o Consulado de España para reclamar a instauración das pensións non contributivas ou as axudas para quen necesitaban medicamentos ou atención sanitaria. O presidente da FAGRA tamén convidou os presentes a tomar exemplo do homenaxeado, quen chegou á Federación "cando estaba case destruída, correndo perigo, e fíxose cargo".

Entre as mensaxes de afecto que protagonizaron o acto destacaron os enviados polo premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, a integrante de Nais de Praza de Maio Línia Fundadora, Nora Cortiñas, ou unha carta remitida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Tamén o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a integrante do Consello da Cultura Galega, María Xosé Porteiro, o histórico dirixente galeguista e amigo íntimo de Lores, Xosé Manuel Beiras, o intelectual galego-porteño, Luís González Tosar, a ilustradora galego-uruguaia Luz Darriba, o cantautor arxentino Ignacio Copani ou a escritora Elsa Osorio, entre moitos outros, dixeron presente coas súas palabras no acto.

Ademais da actuación do grupo de gaitas Dúas Beiras, o conxunto de cantareiras, a coral Semente e a orquestra de cámara da casa, Lorena Lores, secretaria xeral da FAGRA e filla do homenaxeado, interpretou o tango "Balada para mi muerte", de Astor Piazzolla e Horacio Ferrer, en honra ao seu proxenitor.

Por outra banda, a Asociacións Galegas recuperou ademais o seu tradicional banquete intersocietario. Un xantar aberto ao público co que estreitar lazos entre as institucións da colectividade galega en Arxentina e integrar aos descendentes de galegos que residen no país austral para que se acheguen ás súas raíces e poidan tomar conciencia do legado que os seus devanceiros deixaron en Buenos Aires.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta