Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/10/2018 | Actualizada ás 10:00
A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes vén de rexistrar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, asinada por máis de 200 veciños das aldeas próximas á canteira de Miramontes, polos “continuos episodios de cheiros nauseabundos procedentes do vertedoiro situado na canteira”.
No escrito, solicitan a realización de inspeccións e actuacións ambientais e sanitarias que poñan fin a esta situación de “inhabitabilidade insoportable e moi inxusta” e alegan que isto está prohibido de acordo cos principios da Lei de Residuos. Esta denuncia colectiva ven a sumarse ás máis de 200 denuncias individuais presentadas nos últimos meses, así como ás frecuentes chamadas telefónicas á policía para denunciar os episodios de cheiros.
“A inhalación continua dos gases do vertedoiro ademais de causar graves molestias na vida diaria da poboación próxima, pode estar poñendo en perigo a saúde dos veciños e dos propios traballadores do vertedoiro, pola posible presenza de compoñentes tóxicos”, apuntan os veciños nun comunicado. Así, indican que, aa agora, as afeccións sobre a saúde limitáronse a cefaleas, malestar de garganta e dificultade para respirar, proído na pel ou náuseas. “Sen embargo os veciños pensamos que estes síntomas poderían derivar, ao longo prazo, noutras enfermidades máis serias”, engaden.
A Plataforma veciñal critica a actuación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio neste asunto. Din que, pese ás múltiples irregularidades detectadas nas inspeccións, non se impuxo ningunha sanción á empresa, limitándose a esixir medidas correctoras dos cheiros que son insuficientes. “Este vertedoiro está autorizado para albergar residuos industriais non biodegradables”, denuncia. cunha produción estimada de gases pouco significativa (segundo o seu propio proxecto).
Tamén lembran que, a pesar dos múltiples requirimentos do Concello á empresa para que regularice o tránsito dos camións, o tráfico pesado que se dirixe ao vertedoiro segue a circular por unha vía limitada a 5,5 t “ante a pasividade da Garda Civil”.
Por iso, instan ás distintas administracións a “que actúen con dilixencia dentro das súas competencias para protexer á poboación e corrixir as irregularidades no espazo natural da canteira de Miramontes. Neste sentido, a Plataforma está á espera dunha reunión coa Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para poñela ao corrente da situación actual, explicar as conclusións extraídas do estudo minucioso da documentación e aclarar posturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.