Coñece a fauna nocturna de Ames

Aula da Natureza deste concello organiza este venres unha acampada para descubrir a fauna nocturna da contorna.

Por Galicia Confidencial | Ames | 18/10/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Aula da Natureza do Concello de Ames pon en marcha os programas Variedade é Vida - Vida é Variedade (VéV) e Noites na natureza para achegar a natureza aos veciños. Esta programación dará comezo o vindeiro venres, 19 de outubro, cunha acampada e ruta polo monte de San Marcos para observar o comportamento da fauna nocturna, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. 

Tendas de campaña nunha acampada nocturna
Tendas de campaña nunha acampada nocturna | Fonte: Concello de Ames

Os rapaces e rapazas, guiados polos monitores, levarán reclamos de aves e luces vermellas, o que lles fará máis fácil ver o movemento dos animais do monte á hora crepuscular, unha das máis indicadas para este tipo de observación. Unha vez alí, os participantes tomarán a cea que cada un levou mentres miran a caída da noite e a vida animal. Rematada a ruta retomarase o camiño de volta ao campamento, onde os nenos tomarán algo quente mentres comparten as súas impresións para, finalmente, descansar nas súas tendas.

Para participar en calquera das actividades organizadas pola Aula da Natureza é necesario inscribirse enviando o formulario –que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova– ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. 

NOITES DE NATUREZA

Despois desta ruta e acampada para observar a vida animal no monte San Marcos, o venres 26 e o sábado 27 de outubro, realizarase outra ruta e acampada na Aula da Natureza. Nesta ocasión, a actividade irá dirixida a mozos de entre 12 e 16 anos, e xirará en torno á temática espartana, aos seus mitos e lendas, e realizarase unha Espartan Race

A través do programa Noites na natureza, o Concello de Ames realizará diversas actividades en réxime de acampada colaborativa destinadas a distintos rangos de idade.  Deste xeito, os participantes non só realizarán exercicios e xogos de temática ambiental acordes á súa idade, senón tamén tarefas comúns que faciliten a estadía, o que favorecerá a participación e implicación dentro do grupo.

VIDA É VARIEDADE

Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Deste xeito, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a variedade, que é o que da riqueza á vida, polo que debe ser respectada.

O primeiro contacto con este programa realizarase este outono a través das saídas temáticas “Vida nas covas” os días 3 e 4 de novembro, nas que se visitarán as covas das Choias e a do Rei Cintolo; “Vida no monte” o domingo 11, na que se gozará de Ponte Arados sobre o lombo dos cabalos; e “Vida no aire”, na que se realizará unha saída ornitolóxica ao espazo natural do encoro Abegondo-Cecebre o domingo 18 de novembro.

A través desa e outras actividades, iráselles mostrando aos participantes temas como  a vida en chemineas submarinas a 200 ºC de temperatura ou ambientes radioactivos, vida no Ártico e na Antártida, vida a escuras ou a vida nocturna, entre outros. Máis información en auladanatureza@concellodeames.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta