Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 14:00
Case 12,3 millóns de euros repartidos en 122 subvencións. Este é o diñeiro que a Xunta destinou a proxectos de “investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais”. Unhas axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
A maior parte destes cartos foi para subvencionar procesadoras, tractocargadore, trituradoras, autocargadores, serras, silos, empacadora de biomasa, retestedoras, fornos de tratamento de fitosanitarios, transfers de madeira, secadoiros, liñas de estelado e mesmo obras en distintas empresas madeireiras.
O máximo das axudas concedidas por proxecto foi de 150.000 euros e o mínimo foron 100 euros. A ela optaron empresas madeireiras, empresas de transporte de madeira e empresas de tratamento da madeira.
Fai uns días era un proxecto impulsado por Financiera Maderera, S.A., é dicir, Finsa, a que recibía 1,2 millóns en subvencións directas por parte da Xunta grazas a fondos europeos para poñer en marcha un proxecto de “Tecnoloxías dixitais para a industria madeireira do futuro”, baixo a denominación de Smart4wood, que está orzamentado en 4,6 millóns de euros.
OUTRAS AXUDAS
Estes 13,5 millóns de euros contrastan cos 11,2 millóns procecentes tamén de fondos da UE e que o Goberno galego repartiu entre comunidades de montes para loitar contra os lumes. O obxectivo é realizar accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.
Estes fondos, segundo apuntou a Xunta, permitirán actuar nun total de 6.404,47 hectáreas de territorio forestal galego nos vindeiros nove meses, o que permitirá que estean rematados antes do inicio da campaña de perigo alto de incendios forestais no verán, que comeza cada 1 de xullo. Os beneficiarios destas subvencións son na súa maior parte comunidades de montes veciñais en man común. Tamén recibiron axudas as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, sociedades de fomento forestal (Sofor), outras persoas xurídicas e propietarios particulares de xeito individual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.