O TSXG anula unha praza por detectar unha "torcida intencionalidade" para enchufar a un familiar dun alto cargo da Xunta

Unha sentenza deste tribunal asegura que unha praza creada polo Goberno galego na Escola de Restauración de Pontevedra foi “ad homine” pola “relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia”. A Xunta xa intentara enchufar á mesma persoa en 2014. A directora da Escola asegura que é "unha boa noticia" e BNG e CIG piden dimisións. A Consellería de Educación vai recorrer a sentenza.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/10/2018 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de dictar unha sentenza na que confirma un caso de enchufismo propiciado pola Xunta coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. 

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. Europa Press - Archivo
Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. Europa Press - Archivo

A Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Educación, adxudicou esta praza a unha docente –anterior directora do MUPEGA-- para que impartise docencia na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. A CIG tiña denunciado que esta praza fora creada a dedo para unha cuñada da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, algo que tamén confirmou o alto tribunal galego.

De acordo coa sentenza do TSXG dito posto adxudicado na Escola de Restauración foi creada ‘ad homine’ no que considera unha “torcida actuación” da administración ao crear especificamente unha praza dunha especialidade que non se imparte neste centro de ensino nin en Galicia (conservación e restauración de documento gráfico) e que tampouco foi reclamada pola Escola. 

A defensa da Xunta chegou a presentar no xuízo un informe da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, na que defendían que “a incorporación de docentes de especialidades distintas… podería reportar beneficios para unha mellor formación do alumnado a través do coñecemento de todas as especialidades”.

"DESVIACIÓN DE PODER"

A sentenza non deixa lugar a dúbidas. “Estes indicios ou presuncións revisten no seu discorrer tal concatenación que, inevitabelmente, conducen a concluír que estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico….Non só non se actuou con transparencia senón que se fixo con manifesto ocultismo; impediuse o acceso á parte actora [CIG-Ensino] á información….Nin sequera a requirimentos do Valedor do Pobo”, recolle a sentenza.

Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra
Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra | Fonte: escoladeconservacion.gal

En 2016 a Valedora do pobo, diante da queixa presentada pola CIG-Ensino, sinalou na súa resolución que “existen indicios suficientes para cuestionar a legalidade dos feitos, o que convertiría o acto administrativo que constitúe a adxudicación desta praza nun acto arbitrario”.

"RELACIÓN DE PARENTESCOS

A sentenza do TSXG tamén apunta que “non se aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza”. Ademais salienta que, cando tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, “non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos”.

“Tales circunstancias vense agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta; así, cobra especial relevo a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia….. Evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”, destaca.

DIMISIÓNS

Tanto a CIG como o BNG pediron xa que se asuman responsabilidades. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, anunciou a petición de comparecencia, no Parlamento Galego, da Secretaria Xeral de Igualdade e do Secretario Xeral de Educación para que expliquen que medidas vai tomar o Goberno Galego despois desta sentenza do TSXG.

“Estes casos son gravísimos e describen un claro caso de nepotismo ou enchufismo, en definitiva, unha cacicada”, denunciou o BNG. “A sentenza reproduce pormenorizadamente os feitos denunciados no seu momento polo sindicato e acusa de nepotismo á Consellaría de Educación”, sinalan desde a CIG.

O BNG lembra que, previamente, en 2014, a Xunta xa intentara incorporar de maneira irregular a mesma persoa a unha listaxe de interinos cando era funcionaria de carreira en Asturias. “A administración fracasou, naquela altura, debido ás queixas presentadas por persoas prexudicadas con este proceso mais nomeouna directora do Museo Pedagóxico de Galiza, cargo de libre designación”, indicou.

MESMA POSTURA DESDE A ESCOLA

Tamén Carmen Lorenzo, directora da Escola de Conservación, pide que se asuman responsabilidades e asegura que a sentenza é “unha boa noticia” porque “é un problema que viña arrastrando este centro desde hai tempo”. En declaracións a GC, Lorenzo lembra que a escola xa denunciara “toda esta trapallada”. 

“Nós nun primeiro momento pensamos que era un erro cando mandaran a un profesor de Documento fráfico. Por iso nos posicionamos en contra de todo esto desde o comezo”, indica.

A XUNTA RECORRERÁ A SENTENZA

Pola súa banda, a Consellería de Educación, anunciou que respecta o fallo ditado pero sostén que actuou sempre conforme á legalidade, polo que vai recorrer a sentenza. "De momento non temos máis que engadir", indicaron fontes deste departamento consultados por GC. 

OUTRAS DENUNCIAS

Non é a primeira vez que a secretaria xeral de Igualdade da Xunta se enfronta a acusacións deste tipo. De feito, en 2016 xa foi acusada de adxudicar a dedo máis de 6.000 euros a unha empresa de quen fora a súa ex xefa de comunicación.

Curiosamente, López Abella foi unha das máis críticas cos supostos “malgastos” da Xunta durante o goberno do bipartito. Ela mesma foi a que denunciou que Quintana instalara un mini bar de luxo no seu coche que resultou ser unha neveira portátil que o ex vicepresidente amosou aos xornalistas e valorou en 15 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xesús Ateo Recalcitrante

E non pensa dimitir o Director Xeral de Centros e Persoal da Consellería de Educación? Porque debería facelo ou deberían destituílo. Que xa está ben de corrupción, corruptelas e nepotismo!. Estes do Partido Popular co tempo non so non van a mellor, senón que aínda empeoran o panorama da transparencia, do nepotismo e do enchufismo e enmerdan máis todo aquilo que tocan. E, por riba, como non pagan costas, teñen o "cuajo" de dicir que van recorrer a sentencia.

1 paletismo ilustrado¡¡¡¡

Estes do pp e dos demáis que no choe outra cousa non haberá pero enchufismo... non hai máis porque non gobernan en maís sitios grazas a deus¡¡¡ o enchufismo é marca da sociedade corrupta... e logo non lle van pedir os alcaldes que miren por meter o meu fillo alí ou acolá...logo nos sorprendemos¡¡¡¡Galicia é clientelar e corrupta e así lle vai... canto menos administración millor.... porque das diputaciósn millor non falamos alí non hai corrupción... pena de país..