Por Galicia Confidencial | Braga | 29/11/2018 | Actualizada ás 08:15
Galicia cada vez máis preto para os portugueses e Portugal para os galegos. Esta fin de semana púxose a andar a Rede da Galilusofonía, que ten como obxectivo xuntar esforzos, coordinarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a fomentar a lingua e cultura comúns nun gran espazo como é o da Lusofonia, con gran potencial noutros campos como o económico e o institucional.
Foi en Braga onde se puxo a andar esta nova rede coa presenza dun nutrido grupo de galegos e portugueses de distintas entidades e asociacións e coa beizón do alcalde desta cidade, Ricardo Río. “Vejo com bons olhos este estreitar de laços entre as populações dos dois lados da fronteira, reforçando a identidade comum e as tradições da região, de forma a potenciar o talento que a mesma contém”, dixo.
O proxecto naceu en Pontevedra, en outubro pasado, e é impulsado por distintas entidades galegas e portuguesas que partillan o obxectivo común de difundir a música e as artes e aproximar a lingua e a cultura galegas da Lusofonia.
A Rede pretende concretar os obxectivos xerais en accións como acordos comúns, o traballo no “recoñecemento e autentificación da lingua e cultura comúns” de forma multidireccional en todos os territorios, a inclusión de contidos curriculares en todos os sistemas educativos dos países de lingua común que evidencien a historia, lingua e cultura comúns ou a recuperación, difusión e promoción do patrimonio cultural común.
Nesta iniciativa están presentes entidades galegas como a Associaçom Galega da Lingua (AGAL), Escola Oficial de Idiomas de Santiago, A Mesa pola normalización lingüística, Concello de Ponteareas, Concello de Cedeira, Academia Galega da Língua Portuguesa, Ponte nas Ondas ou Cantos na Maré. Na parte portuguesa participan TIN.BRA-Academia de Teatro (Braga), Associaçåo José Afonso Portugal, Freguesía de Nogeiró, Castro Galaico Festival de Nogueiró, Libraría Traia Mundos ou Cantos d’Aquí. A Rede vai estar presente no Festival Culturgal nunha banca compartida con algunhas destas organizacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.