Rueda esixe ao Goberno que Tragsa retire os cascallos de Tui e ofrece a coordinación da Xunta

O vicepresidente da Xunta participou no gabinete de crise convocado este mércores onde non houbo representantes da Subdelegación do Goberno nin da Deputación de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/11/2018 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, instou este mércores ao Goberno a que realice unha "encomenda de xestión" para que a empresa pública Tragsa leve a cabo a retirada dos cascallos da zona cero da explosión de Paramos en Tui (Pontevedra), que deixou dous mortos, decenas de feridos e abundantes danos materiais.

Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que deixou arrasou vivendas. EUROPA PRESS - Archivo
Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que deixou arrasou vivendas. EUROPA PRESS - Archivo

Rueda participou no gabinete de crise convocado este mércores en Tui pola plataforma de afectados de Paramos á que tamén acudiu o alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, pero no que non houbo representantes da Deputación de Pontevedra nin da Subdelegación do Goberno. O vicepresidente do Goberno galego sostivo que todas as partes presentes na reunión estiveron de acordo en que "o máis lóxico" é que o Estado faga unha "encomenda de xestión" ao ente que ten, é dicir, "a Tragsa".

Neste sentido, Rueda ofreceu á Xunta de Galicia como administración coordinadora das accións "se se trata dun problema burocrático ou que o Estado non quere estar no día a día da retirada de cascallos". Sempre que se achegue o financiamento "por parte de quen se comprometeu", que é o Estado, e que se faga esa "encomenda de xestión", matizou o vicepresidente.

"Se o problema é que ten que haber unha Administración coordinando todo, nós imos estar aí coa vontade de tentar desatascar", aseverou Rueda, quen recoñeceu que realmente non sabe "cal é o problema" porque ao non comparecer este mércores nin a Deputación nin a Subdelegación do Goberno "non sabemos exactamente que é o que impide nunha situación de emerxencia facer esa encomenda de xestión".

SITUACIÓN DE EMERXENCIA

"Unha situación de emerxencia permite facer as cousas doutra maneira e é o que tentamos facer desde a Xunta e o que cremos que ten que facer o Estado", insistiu o vicepresidente galego, que avanzou que manterá as axudas aos afectados "o tempo que sexa necesario".

Rueda recoñeceu que "foi moi difícil falar do tema principal" da reunión pois estaban convocados para falar da retirada dos cascallos de Paramos e "a Administración central", que como lembrou o vicepresidente "comprometeuse a financiar esa actuación e a levala a cabo", non "apareceu" no gabinete de crise convocado este mércores en Tui.

"FONDA" PREOCUPACIÓN

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, mostrou unha "fonda" preocupación pola situación de "atasco" e de "parálise" dun asunto "clave" como é a retirada dos cascallos da zona cero de Paramos porque, sinalou, á parte das "razóns obvias", hai "unha serie de danos colaterais" que son "moi prexudiciais" para os veciños afectados.

"Pedimos que se faga o que sexa necesario para axilizar a retirada dos cascallos", destacou o alcalde. Padín reiterou que "de catro administracións" que están implicadas --"ou que deberíamos estar implicadas", alegou-- o Concello de Tui é "a máis pequena" e "a que o faría de forma máis lenta".

Con todo, Padín asegurou que "se non queda máis remedio", será o propio Concello de Tui o que inicie os trámites para a retirada dos cascallos do barrio de Paramos, pero indicou que "a cidadanía ten que saber que isto vai implicar máis atrasos" sobre o previsto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta