Propoñen erradicar o xabaril da illa de Cortegada para preservar os fungos

Saúl de la Peña Lastra, profesor da Universidade de Santiago, expón a necesidade de que a Administración "tome unha decisión inminente sobre a posible erradicación destes animais na illa", considerada un paraíso dos fungos en Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/12/2018 | Actualizada ás 22:41

Comparte esta noticia

A Illa de Cortegada, no Parque Nacional  MarítimoTerrestre das Illas Atlánticas de Galicia, converteuse no refuxo dun puñado de xabaríns, especie que nalgún momento foi introducida polo ser humano. Estes porcos bravos son vistos polo biólogo Saúl de la Peña Lastra como un serio problema para a subsistencia dos fungos desta illa, un dos lugares con maior biodiversidade e densidade fúnxica de Europa. Por isto, considera a erradicación do xabarín en Cortegada como unha solución.

Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada
Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada | Fonte: Saúl De la Peña Lastra, Revista micológica 'Errotari' nº 14.

O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela cre que a Administración ten que "tomar unha decisión inminente sobre a posible erradicación destes animais na illa", expón nun artigo científico titulado 'Efecto del jabalí (Sus scrofa) sobre ecosistemas insulares: el caso concreto de los hongos en la Isla de Cortegada', elaborado en 2017, publicado no ultimo número da revista do grupo micolóxico Errotari de Durango (País Vasco) e inédito para a cidadanía.

O xabaril, sinala o experto, "é unha especie cosmopolita cun grande éxito evolutivo" que pode alterar os ecosistemas nos que é introducida. "Os efectos observados son, nalgúns casos, moi importantes. Por iso, o órgano xestor terá que tomar unha decisión inminente sobre a posible erradicación destes animais", argúe o profesor, que defende que "a erradicación de especies exóticas invasoras de illas é a miúdo necesaria para protexer a biota nativa".

O biólogo toma o exemplo da illa de Santiago, nas Galápagos. Con 58.465 hectáreas, "é a máis grande ata a data en levar a cabo a erradicación de porcos salvaxes", para o que "usaron unha combinación de caza e envelenamento eliminando máis de 18.000 porcos en 30 anos".

Segundo traballos científicos previos, "a densidade axeitada de xabaríns para un funcionamento adecuado dun ecosistema insular sería un xabaril por quilómetro cadrado", aínda que pode variar "dependendo da fraxilidade do ecosistema insular".

En base a isto, e tendo en conta que a Illa de Cortegada ten 0,44 quilómetros cadrados, a única solución que contempla De la Peña Lastra é a erradicación dos xabaríns que alí habitan, xa que "facendo unha simple regra de tres [...] tería que haber un máximo de 0,44 xabaríns en toda a súa superficie [da illa]".

"O número de xabaríns na illa depende da época do ano pero, en xeral, adoita haber un mínimo de catro e chegáronse a ver máis de dez", apunta o profesor.

RIQUEZA FÚNXICA

O biólogo defende esta drástica medida para presevar a extraordinaria riqueza fúnxica de Cortegada, un paraíso dos fungos en Europa. Para evidencialo, expón os seguintes datos: en 43,8 hectáteas que ten a illa de superficie identificáronse máis de 600 especies de fungos cun alto valor ambiental (máis de 100 son primeiras citas para Galicia; varias especies e mesmo xéneros novas para a ciencia; catro especies na Lista Vermella Europea e dez na Lista Vermella Hispano-Lusa de Fungos Ameazados, estando representadas o 15% de todas as mencionadas nesa lista) e algunhas especies preséntanse en ambientes novos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Andrrs

Que os leven pero sin matalos ou non ten dereito a vida como os fungos