A adicción ao xogo vai gañando terreo entre a xente máis nova

As alarmas saltaron cando se soubo que unha porcentaxe alta de adolescentes apostan en salas de xogo. Non só os videoxogos, tamén os xogos online de apostas están creando xente nova tendente á ludopatía. Que pasa cos mozos e a xente que aposta? Poden deixar de seren ludópatas? Cales son os trazos que definen a unha persoa adicta ao xogo?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O dato máis curioso que vimos para facer esta reportaxe está na mesma definición de adicto que vén de “addictus”, aquela pesoa que pasaba a ser escravo por non poder pagar débedas. Pasado o tempo, o termo adicción definiuse como unha enfermidade crónica e recorrente do cerebro. Xa cando se está afectado pola adicción, o único motivo da persoa afectada é buscar de maneira patolóxica unha recompensa e alivio usando substancias ou mediante uns comportamentos que lle dean a gratificación que busca.

Datos sobre adicción xogo
Datos sobre adicción xogo | Fonte: Consellería de Sanidade

A ludopatía é un transtorno adictivo e por tanto a persoa peredeu o control sobre o xogo, e é distinta a outras adiccións porque é comportamental, a única coñecida hoxe en día que non ten substancia detrás”. O que di isto é Gerardo Flores psiquiatra da Unidade de Conductas Adictivas no Hospital de Ourense. “O efecto adictivo é puro, porque non hai efecto de intoxicación por substancias”. Non obstante, podería haber unha síndrome de abstinencia? “Non hai un desequilibrio químico no cerebro provocado por substancias adictivas, pero si que hai un desexo de xogar e angustia cando a persoa quere controlarse”. O que non quere dicir que non haxa descontrol. Mesmo podería darse o caso de persoas ludópatas que nunca caerán na conta de selo. “Pero finalmente, o xogador tende a autoenganarse xogando máis, cousa que pode chegar a consecuencias económicas moi negativas” di Gerardo Flores.

“En  ningún momento pensei que tiña un problema de xogo nin ningún problema” di Xerardo Rodríguez vogal da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (AGALURE). “Eu pensaba así, que eu controlaba, como ía ter un problema se eu controlaba? Esa é a primeira falacia” di Rodríguez. Pero por exemplo, dentro do ámbito familiar o carácter cambia, a persoa afectada ou adicta ao xogo aíllase. “A familia é a primeira en resentirse e a primeira que normalmente pide axuda, porque non saben que lle pasa ao adicto, e cando ven que é por xogo é cando chaman á nosa asociación, por exemplo”.

“A ludopatía é un descontrol co xogo que afecta a calquera área da vida da persoa afectada” di José Manuel Recouso, psicólogo de AGALURE. “A pesar das problemáticas que poda desenvolver, non hai posibilidade de deixar de xogar, non sabe como afrontar a cuestión”. Os pasos que se poden seguir para comezar unha rehabilitación en base á ludopatía, segundo José Manuel Recouso serían “primeiro ir ao médico de cabeceira para falar sobre o problema que pode ter esa persoa, logo o médico é máis seguro que o derive á sección de condutas adictivas e aí comezaría o tratamento”. Ese é un camiño, o outro “acudir a unha asociación como a nosa onde faremos un diagnóstico e desde aí decidir se quere comezar o tratamento con nós ou non”.

Epecificando máis, dentro dunha asociación como AGALURE, a persoa interesada tería unha cita de  información. “Serían atendidos por dúas persoas rehabilitadas e falan sobre a problemática que puideran ter”, tamén se intenta que “haxa coincidencia en relación coa modalidade de xogo e en idade, aínda que con este  punto temos algunha dificultade” apunta Recouso.

Xogo Goku
Xogo Goku | Fonte: wikipedia

ADOLESCENTES

A OCU avisaba no seu informe hai días, o número de xente nova que consume xogos de apostas está aumentando. Existe un por que? “O consumo dunha substancia ou dunha conduta adictiva canto antes empeza máis risco hai” di o doutor Flores. “Durante a adolescencia o cerebro está desenvolvéndose, e para ben ou para mal,  aprende máis doadamente e retén máis doadamente conductas”. Ademais disto, o doutor Flores indica que “as apostas e xogos online facilitan o acceso ao xogo e que comecen antes e haxa máis risco”.

Sobre o estudo da OCU en relación ao consumo de apostas entre adolescentes, Xerardo Rodríguez di que “non nos sorprende o que di ese informe, porque nós levamos anos avisando ás administracións que teñen que actuar, prevención sobre un colectivo tan vulnerable como son os menores” e tamén indica “hai que facer unha nova regulación, porque a que hai hoxe en xogo presencial en Galicia non é efectiva, porque o menores apostan”. Para Rodríguez hai que “sentarse, todos os sectores, mesmo o do xogo, porque é unha actividade legal e non imos ir contra dela, pero hai que regular e que os colectivos vulnerables non podan acceder”.

Outra cuestión que xurde é de onde sae o diñeiro para que eses adolescentes podan xogar. A pregunta sae logo de que a mocidade sexa un dos sectores máis afectados polo desemprego, e á parte, no caso de seren estudantes tampouco se pode falar de sobra de cartos. “A paga que lle dan os pais, outros venden cousas, accións indebidas, hai moitas maneiras de conseguir diñeiro” di Xerardo Rodríguez. “Supoño que cando comeza o proceso o diñeiro vén da familia” di o doutor Flores, que sinala ademais “as mensaxes publicitarias van dirixidas a un público masculino e se lles fai ver que xogar é unha reunión de amigos onde pode haber unha ganancia e unha aprendizaxe emocional que irá levando a gastar máis diñeiro”.

Sobre a incidencia da adicción ao xogo en Galicia, as persoas consultadas por Galicia Confidencial para esta reportaxe indican que non teñen coñecemento dun estudo elaborado no país. Si apuntan aos estudos sobre consumo de drogas e ao estudo da OCU. Pola súa banda, a Consellería de Sanidade remitiu un cadro explicativo sobre esta cuestión: "No ano 2017, o 1,6% dos pacientes atendidos nas unidades de trastornos adictivos presentaban como diagnóstico principal o de ludopatía. O número de pacientes atendidos en Galicia cuxa adicción principal era o xogo detállase na táboa que se adxunta".

A conclusión é que a prevención e a información sobre o que supón a adicción ao xogo, é un primeiro paso para que as persoas máis novas en concreto, sexan capaces de ver os riscos que pode traer unha adicción como esta. Por outra banda, sería necesario repensar a maneira en que se convive nas familias hoxe en día, cando os adolescentes poden conectarse a xogos de todo tipo mediante a Internet. En tal caso, e como dicían desde AGALURE, é unha cuestión de sentar e falar sobre o asunto desde todos os sectores implicados.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta