Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/12/2018 | Actualizada ás 19:00
Ignacio Bueno será o novo director da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, en substitución de Fréderic Puech, mentres que Juan Antonio Muñoz Codina asumirá a dirección do Polo Ibérico do grupo, segundo informou o consorcio automobilístico francés.
O novo director da planta de Balaídos tomará as rendas da fábrica xusto despois do acordo entre dirección e comité (referendado unicamente polo sindicato maioritario, SIT, e por UXT) para a aplicación dun ERTE debido á baixa produtividade actual do sistema M1, que monta os Peugeot 301 e os C-Elysée. Así mesmo, a planta está de cheo inmersa nos preparativos para o lanzamento do seu novo proxecto, o V20 (todocamino, que terá a súa versión eléctrica).
Este enxeñeiro zaragozano de 52 anos empezou a súa carreira profesional na planta de Zaragoza en 1991, como Enxeñeiro de Proceso na nave de Carrozarías. Desde entón desempeñou diversos cargos nesta fábrica, e ten unha extensa carreira internacional como coordinador de Formación Industrial en Eisenach (Alemaña), director de Montaxe e Ensamblaxe en Ellesmere Port (Reino Unido), director de Manufacturas en Fort Wayne (Estados Unidos) e, desde xullo de 2017, é o director de Estratexia, Planificación e Apoio a Manufacturas para Opel/ Vauxhall en Rüsselsheim.
NOVO DIRECTOR DO POLO IBÉRICO
Doutra banda, Juan Antonio Muñoz Codina, que tamén dirixiu a planta viguesa no seu día, foi designado novo director do Clúster Ibérico do Grupo PSA, posto no que dependerá de forma directa do vicepresidente executivo da dirección Europa de PSA, Maxime Picat, e funcionalmente do vicepresidente executivo da dirección Industrial de PSA, Yann Vincent.
Así, desde o próximo 1 de xaneiro de 2019, Muñoz Codina será o novo responsable do Polo integrado polos centros do grupo en Zaragoza, Vigo e Madrid en España e polo de Mangualde, en Portugal. Ademais, será o director da factoría de Zaragoza.
O directivo galego desenvolveu toda a súa carreira profesional no consorcio francés, no que ingresou en 1986 e no que ocupou diferentes postos industriais, entre eles, director das fábricas de Vigo e Mangualde, ou director industrial e de Cadea de Subministración da rexión Europa do grupo que dirixe Carlos Tavares.
NOVO VICEPRESIDENTE DE OPEL/VAUXHALL
Finalmente, como parte da nova organización, PSA Peugeot Citroën tamén anunciou o nomeamento de Antonio Cobo, actual director xeral de Opel España e da planta de Figueruelas (Zaragoza), como novo vicepresidente de Produción e Cadea de Subministración de Opel/Vauxhall.
Segundo informou o Grupo PSA, Cobo reportará no seu novo posto ante o conselleiro delegado de Opel/Vauxhall, Michael Lohscheller. O directivo, licenciado en Ciencias Físicas, iniciou a súa carreira en Opel en 1981 e desde entón exerceu diferentes postos de responsabilidade en España, Alemaña e Estados Unidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.