Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 12:00
O secretario provincial do PSOE de Lugo, Álvaro Santos, animou ao secretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero, a que se incorpore ao Parlamento de Galicia. Santos sintonizaba así co dito por Caballero, quen nunha entrevista na Cadena Ser este domingo deixaba caer que esa entrada no Lexislativo autonómico se produciría "antes" do verán.
"Eu creo que é mellor que estea ca que non estea. De todos os xeitos é unha decisión que responde á planificación política, institucional e de enfoque como secretario xeral", subliña Santos. Aínda que entende que é unha "decisión" que lle incumbe persoalmente ao propio Caballero, puntualizou que el sempre lle dixo "desde o principio, desde que foi elixido, que consideraba que era mellor que contase con esa plataforma [o Parlamento] para desenvolver directamente o seu traballo de fiscalización ao goberno do PP, ao goberno de Feijóo, e para lanzar propostas do PSOE".
NON AOS PACTOS CO PP NAS MUNICIPAIS
Expresou que en canto se produza esa incorporación do secretario xeral ao Parlamento de Galicia, "será aplaudida e benvida por todos os socialistas" e tamén por el mesmo, segundo dixo. De feito, o líder dos socialistas lucenses coincide con Caballero noutros puntos importantes, como no de rexeitar pactos cos populares nas próximas eleccións municipais do 26 de maio.
Santos remarcou que os acordos se produciron con forzas políticas que impulsan o progresismo e que perseguen mellores servizos e mellores infraestruturas". "O que dixo o secretario xeral, á parte de acertado, é o que vén facendo o PSOE desde sempre", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.