Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2019 | Actualizada ás 15:00
O portavoz de En Marea, Luís Villares, sinalou que non lle preocupa" que existan "opinións diverxentes" no Grupo Parlamentario que encabeza. "Preocúpame o traballo", aseverou a preguntas dos xornalistas este luns.
Así se expresou Villares cuestionado sobre o traslado das tensións internas do espazo político ao Pazo do Hórreo, onde dez dos 14 deputados de En Marea están aliñados no sector crítico co portavoz parlamentario e orgánico do partido instrumental.
Nesta liña, e despois de que algúns dos seus compañeiros na Cámara poñan en dúbida a súa lexitimidade para representar ao conxunto do grupo, Luís Villares reivindicou o seu papel como portavoz e, polo tanto, referencia de En Marea no Parlamento de Galicia. "Eu dou conta da actividade política de En Marea e represento a postura de En Marea (na Cámara)", incidiu o maxistrado lucense.
Villares, que evitou referirse á crise aberta en Podemos tras o anuncio efectuado por Íñigo Errejón de que se suma ao proxecto da alcaldesa madrileña, Manuela Carmena; remarcou que o partido instrumental "ten moito futuro" como, ao seu xuízo, representan as iniciativas que presentou este luns no Parlamento, relativas a sanidade e política fiscal.
Así respondía á súa compañeira de grupo Luca Chao (Podemos), que este luns afirmou nunha entrevista na Voz de Galicia, que En Marea "tal e como naceu en Vigo, fracasou, ou máis ben, fixérona fracasar", culpando diso a Villares e os seus afíns.
Así mesmo, Villares reitera que os problemas internos de En Marea "están resoltos" desde as polémicas eleccións internas nas que a súa candidatura recibiu o respaldo dos inscritos, aínda que a lista perdedora, integrada polo sector crítico, continúa sen recoñecer os resultados un mes despois do fin do proceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.