Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 13:21
O PSOE de Trazo presentou unha querela criminal contra o alcalde deste municipio coruñés, o popular Xosé Dafonte, e a secretaria interventora do Concello, María José Nartallo, por supostos delitos de "malversación e falsidade documental" no cobro de dietas por parte do rexedor.
Nunha rolda de prensa ofrecida este mércores en Santiago, a portavoz do PSOE de Trazo, Beatriz Domínguez, e a secretaria de Organización, Paula Castiñeiras, explicaron que esta denuncia se suma ao procedemento aberto polo xulgado de Ordes polos "case 30.000 euros cobrados polo alcalde en dietas sen xustificar e de forma supostamente irregular" nos últimos anos.
Nunha comparecencia ante os medios na que tamén participou o avogado da agrupación socialista, Domínguez explicou que decidiron presentar esta querela criminal tras acceder a unha documentación que, na súa opinión, achega "serios indicios" de que o expediente administrativo presentado polo rexedor no xulgado foi "creado" nas datas nas que foi requirido.
"Temos serios indicios de que todo este expediente que presentaron no xulgado é falso, inventado para a ocasión e para enganar á xuíza co único afán de salvar a cadeira do alcalde", manifestou a portavoz socialista, que exhibiu documentación que, segundo indicou, "así o acredita".
"MANIPULACIÓN" DAS CONTAS
E é que, conforme sinalou, o PSOE de Trazo ten no seu poder documentación que "acredita" que "se manipulan as contas do Concello para poder facelas cadrar no xulgado, con curtas e pegas e tapando cuños de forma chafalleira". Así, indicou que nos orixinais da documentación se aprecian recortes e pegados de papeis para modificalos mediante fotocopias.
"Cando denunciamos este caso en xuño do ano pasado dixemos que os pagos de dietas no Concello de Trazo se efectuaron sen a súa necesaria fiscalización e sen ningún tipo de documentación acreditativa máis aló do que puña o señor Dafonte nun papel", indicou a portavoz socialista.
Así mesmo, cualificou de "gravísimo" o feito de que se puidese falsificar un expediente e considerou necesario que o rexedor "devolva" os máis de "30.000 euros" nos que o PSOE local cifra as dietas cobras de forma indebida.
Na rolda de prensa, ademais, as socialistas explicaron que o cobro supostamente irregular aumentou por mor de que o Goberno central regulase o soldo dos alcaldes, polo que chegou a situarse en "900 euros" nalgúns meses.
Con todo, indicaron que tras a denuncia o rexedor diminuíu as dietas ata os "360 euros" mensuais e sinalaron que, aínda que iniciou a lexislatura percibindo uns 40.000 euros ao ano polos seus labores de alcalde, na actualidade non ten soldo tendo en conta que "desde outubro de 2017 é incompatible coa súa pensión de xubilación". A pesar diso, indicaron que si é remunerado pola súa asistencia a plenos e dietas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.