Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 19:41
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, alegou este mércores no Parlamento galego que a "responsabilidade" da situación "moi complexa" do Centro Galego de Buenos Aires --en concurso de acredores desde hai máis dun ano-- "non cae na Xunta nin en ningunha formación política española", senón "no Goberno de Arxentina".
Así respondeu o mandatario a unha pregunta formulada pola deputada de En Marea Ánxeles Cuña, quen apremou ao Executivo autonómico a "mover ficha" ante a "posible venda" do edificio da institución despois de que responsables da Xunta, segundo asegurou, "expulsasen" ao Centro Galego de Buenos Aires de Ospaña, organización "creada precisamente" para protexer estas instalacións.
Seguidamente, o conselleiro acusou á parlamentaria de formular unha pregunta "bastante absurda no fondo e a forma", xa que foi rexistrada en virtude dunha "hipotética reunión" que se ía a producir este luns pero que finalmente, segundo Rodríguez, "non se celebrou". "A persoa que foi elixida como presidente polos usuarios do Centro Galego non tomou posesión", explicou.
Fronte a iso, Cuña puntualizou que o interventor xurídico da institución "o que fixo foi atrasar" esta reunión por motivos como "a situación macroeconómica de Arxentina" e a "especificidade" do Centro Galego: "Levamos un ano e o problema non se resolve".
A deputada de En Marea preguntou ao conselleiro se coñece os funcionarios que forman parte da "mutualidade" que substitúa o labor sanitario do Centro en Ospaña, o que é desmentido por Román Rodríguez: "Non existe ningunha mutualidade que substitúa ao Centro Galego de Buenos Aires, foron os socios do Centro os que decidiron libre e unilateralmente non aceptar ás persoas de Ospaña".
PAZO DE LOURIZÁN, EN PONTEVEDRA
Por outra banda, a parlamentaria do PSdeG Patricia Vilán dirixiu unha pregunta ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre as actuacións da Administración autonómica para "recuperar" o Pazo de Lourizán de Pontevedra, unha infraestrutura que "forma parte do patrimonio cultural de Galicia" e que, a pesar de ser propiedade da Deputación, presidida pola socialista Carmela Silva, existe unha cesión á Xunta para a súa "conservación" con límite en 2021.
O número dous do Executivo autonómico apuntou á "responsabilidade" do goberno provincial de que o pazo estea "feito unha piltrafa". "O convenio fala de deberes de conservación, pero fala de moito máis. (...) Ao final, o certo e verdade é que durante todo este tempo non se fixo nada e había un plan da Deputación. Tiveron catro anos para facer algo, quedan tres meses", esgrimiu Rueda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.