Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/02/2019 | Actualizada ás 11:04
Haberá eleccións xerais o 28 de abril. A unión da dereita española —PP e Ciudadanos— e do independentismo catalán —PDeCAT e ERC— contra os orzamentos do goberno do PSOE —"os máis sociais dos últimos anos", defenderon socialistas e Podemos— deixou en vía morta o proxecto de Pedro Sánchez, obrigado a convocar eleccións anticipadas. A única incógnita era a data. E no PP galego non gustou nada.
Seguindo as directrices de Madrid e do líder Pablo Casado, no PPdeG critican a elección do 28 de abril, sabedores de que necesitan algo máis de tempo para tentar darlle a volta ás enquisas e frear o 'efecto Vox'.
A deputada e viceportavoz do PP no Parlamento galego Paula Prado, comentaba na súa conta en Twitter nada máis saberse a data: "Pues elecciones el 28 de abril. No aprovechar los comicios que habrá el 26 de mayo supondrá un gasto de 200 millones de € más a los españoles. Como diría Carmen Calvo: el dinero público no es de nadie".
Mentres nas filas do PP se laian por esta data, outros non agardaron nin un minuto para iniciar a campaña electoral. No propio PSdeG, o líder autonómico, Gonzalo Caballero, anunciaba nada máis anunciar Sánchez a data: "Traballando xa para avanzar cun goberno progresista liderado por Pedro Sánchez frente ao retroceso que implicarían as dereitas. Coa vista no 28 de abril. Ao servizo da maioría da cidadanía e dos sectores máis vulnerables".
Tamén desde as filas socialistas, o eurodeputado galego e exministro José Blanco comentaba: "Lo que se decide el 28 de abril: avance o retroceso, convivencia o crispación, derechos o recortes, cohesión social y territorial o desigualdad, en definitiva impulso o involución. Una oportunidad para una mayoría progresista".
Na mesma clave propagandística, con mensaxes xa encapsuladas, tamén o BNG se puxo en 'modo campaña'. A líder do Bloque, Ana Pontón, escribía tamén en Twitter: "O 28 de abril votaremos quen nos representa no Congreso. Unha oportunidade para que os galegos, da man do BNG, esteamos presentes con voz propia, acabar coa discriminación a Galiza e a irrelevancia política a que nos conducen as forzas estatais e frear a involución democrática".
Noutro chío, Pontón engandía: "Imos a por todas, con alegría e convicción: temos a oprtunidade de acabar con estes anos de irrelevancia politica, de discriminación e onde Galiza estivo ausente. A nosa xente necesita que alguén dea a cara por Galiza! O 28 de abril é o día, é o momento de Galiza! Adiante!".
Pola súa banda, a eurodeputada do Bloque Ana Miranda expresaba: "Oxalá que o BNG recupere a representación no Congreso o 28 de abril".
Desde o soberanismo e o independentismo, Causa Galiza aproveitou para reivindicar os seus postulados. Para eles, hoxe é un "bom dia para lembrar -agora que se convocam eleiçons espanholas- que a «irreleváncia política» da Galiza é a resultante dum processo histórico de submetimento, da carência de Estado próprio e soberania política e da condiçom subsidiária de Comunidade Autónoma espanhola".
Estas foron as primeiras reaccións políticas, inmediatas, en Galicia ao anuncio de Sánchez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.