Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 10:45
O Colexio oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga) organiza este sábado 16 de febreiro, ás 19,00 horas, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a gala da Fisioterapia galega na que se fará entrega da primeira edición dos Premios Loitadores. Entre os premiados, atópanse a Asociación de Atrofia Muscular Espinal e a ximnasta acrobática Desirée Vila Bargiela.
Nun comunicado de prensa, o Cofiga explicou que baixo o lema "Loitador! Non te deteñas", trátase de recoñecer "o espírito de loita dos pacientes que atopan na Fisioterapia unha gran aliada para mellorar a súa saúde e calidade de vida" , así como para póe en valor a "traxectoria profesional dos fisioterapeutas colexiados honoríficos e para dar a benvida aos novos profesionais incorporados ao colectivo".
Na gala, compartirán os seus testemuños o nadador paralímpico Chano Rodríguez Veloso, a fisioterapeuta e médico viguesa Susana Rodríguez Gacio e campioa do mundo de paratriatlón, e a cantante e actriz Miriam Fernández.
A propia Miriam Fernández realizará unha actuación musical nun acto conducido pola actriz galega Iria Pinheiro, que concluirá cun cóctel para todos os asistentes.
CATRO GALARDOADOS E DOUS PREMIOS HONORÍFICOS
O Cofiga galardoa na primeira edición dos Premios Loitadores á Asociación GaliciAME (Atrofia Muscular Espinal), XeRock Música e Discapacidade, a Desirée Vila Bargiela e ao DJ coruñés Montxo Solórzano González-Dopeso.
No caso da Asociación GaliciAME recoñécese "o espírito de superación dos seus integrantes e o labor do seu equipo de fisioterapeutas na abordaxe desta enfermidade neuromuscular". XeRock Música e Discapacidade é unha banda de música integrada por persoas con discapacidade intelectual.
A ximnasta acrobática Desirée Vila Bargiela relata no seu libro 'O único incurable son as ganas de vivir' o antes, durante e despois do seu accidente. Por último, Montxo Solórzano é un DJ coruñés ao que un accidente doméstico lle provocou a perda do 100 por cen da súa capacidade auditiva.
Ademais, concederánselle premios honoríficos a Pablo Beiro, falecido en 2015, "pola súa intensa contribución a superar as barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade"; e a Roberto Blanco Torres, o autor do poema 'Loitador', "que inspirou o lema do Cofiga como fío condutor das diferentes actividades desenvolvidas para mostrar a capacidade de superación e o espírito loitador de persoas de todas as idades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.