A "incrible" historia duns nenos nun campo de concentración nazi, o próximo filme de Fernando Cortizo

Xa está en marcha unha campaña de micromecenado para financiar a longametraxe de animación, 'SKHID'. Os protagonistas son os nenos de Terezín, que crearon unha sociedade secreta e publicaron unha revista clandestina. O aclamado cineasta recolleu información de primeira man a través de sobreviventes e expertos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O director de cinema galego Fernando Cortizo comezará, tras dous anos de investigación, a realización da animación da súa nova longametraxe 'SHKID', que narra "a incrible historia" dos nenos de Terezín, ambientada nun campo de concentración nazi durante a Segunda Guerra Mundial.

O novo proxecto do santiagués xorde cando en 2016 se interpretou en Santiago a ópera infantil 'Brundibár' e a sobrevivente Dagmar Lieblobá visitou a cidade. O realizador entrevistouna e coñeceu de primeira man esta "descoñecida" historia.

Deste xeito, descubriu que os nenos interpretaron dita ópera no campo de concentración, no marco dunha campaña propagandística dos nazis, que pretendían enganar o mundo cun falso documental sobre o ben que trataban aos xudeus.

Desde ese momento e co respaldo da produtora Armar Media, Cortizo iniciou unha investigación que o levou a Terezín, en Auschwitz, e a Israel. Neses lugares entrevistou a máis sobreviventes e a expertos internacionais "de renome", como Robert Jan Van Pelt, Michael Berembaum ou Paul Salmons.

O director de cinema recompilou información sobre como os nenos dese campo crearan unha sociedade secreta e publicaran unha revista clandestina. Nese momento decidiu que o documental debería converterse nunha película de animación. Ademais, o proxecto complementarase cunha campaña educativa que facilitará de maneira gratuíta materiais e unidades didácticas aos colexios.

CROWDFUNDING

Nestes momentos xa se atopa aberta a campaña de micromecenado a través da plataforma Verkami para que calquera persoa poida colaborar coa iniciativa desde 10 euros. A cambio, sairá nos créditos da película e obterá distintos tipos de recompensas.

Nos seus primeiros 26 días, obtivo o respaldo de 44 mecenas, que achegaron unha cantidade total de 2.260 euros, dos 15.000€ fixados como obxectivo.

UN DIRECTOR MULTIPREMIADO

Coa súa primeira película, 'O Apóstolo', Fernando Cortizo conseguiu "multitude de premios internacionais", un nomeamento aos Goya, seis premios Mestre Mateo da Academia Galega e unha preselección aos Oscars.

'O apóstolo' foi a primeira película española en financiarse con venda de participacións por Internet, algo "novo" en 2008 cando aínda non existía o que hoxe se denomina crowdfunding.

O director Fernando Cortizo con Jan Van Pelt. FERNANDO CORTIZO
O director Fernando Cortizo con Jan Van Pelt. FERNANDO CORTIZO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta