Por X.M. Fernández | Allariz | 21/02/2019 | Actualizada ás 10:00
Mauro Rivas é veciño de Allariz e presentou no 2018, como Traballo Fin de Grao, un catálogo micolóxico referente ao territorio da Reserva da biosfera Área de Allariz, conformado polos Concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.
Froito deste traballo, merecedor de matrícula de honra e realizado baixo a dirección da Doutora da Universidade de Vigo Marisa Castro Cerceda, Rivas publica na revista Mykes, do Grupo Micolóxico Galego, un artigo sobre os cogomelos recollidos en Allariz que son citados por primeira vez en Ourense e Galicia.
A investigación permitiu identificar sobre o terreo 149 especies diferentes de macromicetos, que xunto ás 16 xa identificadas en bibliografía fan que no territorio indicado estean identificadas 165 especies micolóxicas diferentes. Delas, 49 especies foron identificadas por primeira vez na provincia de Ourense e 11 delas foron citadas por primeira vez en Galicia.
Segundo explica Bernardo Varela, xestor da Reserva da Biosfera e concelleiro de medio ambiente no concello de Allariz, este traballo “referenda a importancia da biodiversidade que ten un territorio, polo que á Reserva da biosfera gustaríalle contar con colaboración doutros departamentos universitarios para a elaboración de estudos amplos sobre as plantas e animais que habitan este espazo protexido”.
Para a identificación particular de parte dos exemplares foi preciso realizar análises filoxenéticas (secuenciar o ADN das setas). Este proceso levouse adiante no Naturalis Biodiversity Center nos Paises Baixos dentro dunha estancia como Erasmus do autor que salienta que “a información obtida sobre os exemplares e as especies diferentes recollidas excederon con moito as expectativas.”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.